A Reserva Federal dos Estados Unidos sobe os tipos de xuro en 0,75 puntos
A Reserva Federal dos Estados Unidos sobe os tipos de xuro en 0,75 puntos
É a maior suba decidida polo banco central estadounidense dende 1994
A Reserva Federal de Estados Unidos anunciou este mércores unha suba do tipo de xuro oficial de 0,75 puntos, o maior aumento en 28 anos, para loitar contra unha inflación desbocada.
Con este incremento, que é o terceiro desde que a Fed empezou a subir tipos en marzo, o tipo de interese oficial da maior economía do mundo pasa a situarse nunha pinza de entre o 1,5 % e o 1,75 %.
Nun comunicado oficial ao termo da súa reunión de dous días, a Xunta de Gobernadores do sistema da Reserva Federal adiantou ademais que espera levar a cabo máis subidas dos tipos no futuro.
Doutra banda, a Fed anunciou que seguirá reducindo a súa carteira de débeda pública do Goberno dos EUA, composta fundamentalmente por letras do Tesouro e valores apoiados por préstamos hipotecarios.
Na actualidade, o banco central acumula uns 9 billóns de dólares en débeda estadounidense.
Como xa fixo en xuño, a Fed desprenderase en xullo e agosto de 30.000 millóns de dólares en letras do Tesouro e de 17.500 millóns en valores apoiados por hipotecas cada mes.
A partir de setembro, estas cifras mensuais subirán a 60.000 millóns de dólares e 35.000 millóns respectivamente, e o proceso concluirá cando se alcancen uns niveis que se consideren "lixeiramente por encima" do que o banco considera "reservas amplas".
"O comité está fortemente comprometido co obxectivo de devolver a inflación ao 2 %", indicou o banco central estadounidense.
O venres pasado coñeceuse que a inflación dos Estados Unidos se disparou en maio ata a súa taxa máis alta dos últimos 40 anos, o 8,6 %, unha nova escalada dos prezos de consumo empuxada sobre todo polo forte encarecemento da enerxía.
Xusto un día despois, o sábado, o prezo dun galón de gasolina (3,78 litros) nas gasolineiras do país alcanzou os 5 dólares, unha cifra xamais antes rexistrada.