Publicador de contidos
Publicador de contidos

A reacción dos bancos antes a subida do euribor, por María Bastida

A reacción dos bancos antes a subida do euribor, por María Bastida

Os aforradores que optan por deixar o seu diñeiro inmobilizado nas contas bancarias están a perder cartos 

G24.gal 19/06/2023 08:35

No mundo financeiro, os bancos son actores chave na economía e xogan un papel fundamental na intermediación dos recursos financeiros.

Unha das fichas centrais que articula este rol de axente intermediador é o tipo de interese, cunha alta influencia nos fluxos de crédito (préstamos e hipotecas, por exemplo), pero tamén á hora de captar pasivo, é dicir, cando se trata de obter clientes —nós, os aforradores— que depositen os seus cartos nunha entidade bancaria concreta para que esta, á súa vez, os circule.

Nos últimos meses estivemos ocupados e preocupados co primeiro efecto, é dicir, os cambios nos tipos de interese aplicados ao contexto do crédito e ás hipotecas e o seu impacto nestes produtos.

Con todo, prestamos menos atención á cautela da banca á hora de subir as taxas de interese coas que remunera os depósitos dos aforradores. No contexto actual, os aforradores, especialmente os máis conservadores, que optan por deixar o seu diñeiro inmobilizado nas contas bancarias están a perder cartos.

Os produtos de investimento, incluso os materializados en renda pública, renden máis que os depósitos, polo que calquera decisión de mantemento deste capital inmobilizado pasa por perder comparativamente oportunidades de obter unha maior rendibilidade.

Con todo, ata a data os bancos apenas se esforzaron en competir por ese aforro, coma se non prevesen sequera a posibilidade de fuga de depósitos en procura de maiores rendibilidades.

O certo é que a remuneración do aforro a usou tradicionalmente a banca como unha vía para atraer fondos, ofrecendo aos clientes unha forma segura de gardar o seu diñeiro mentres xeran certo retorno.

Isto dános unha pista das razóns que poden subxacer á aparente calma con que os bancos responderon ás subidas de interese, debido a que en ausencia parcial de competencia e en situación de exceso de liquidez, non necesitan exporse guerras intestinas por captar clientes. 

Este comportamento mantense, como mínimo, mentres un dos actores non dá o primeiro paso. Evidentemente, no momento en que un banco empeza a ofrecer rendibilidades máis ou menos suculentas para os seus clientes, os outros tenden a imitalo, para equilibrar as condicións e manter a súa posición de mercado.

Ademais, aínda que a posibilidade de que se desate unha guerra polo pasivo parece estar lonxe, si  que é certo que a banca segue buscando captar clientes con aforros. Así, timidamente empezamos a ver máis ofertas para contas (sobre todo grandes) con aumento da remuneración.

Os bancos menos “tradicionais” (pequenos, dixitais e neobancos) apostaron por remunerar os depósitos e a empezar unha batalla do pasivo porque é a súa forma de captar clientes: estaren onde os grandes non están. Agora só queda sentar a esperar… Calquera movemento neste sentido, a quen termina beneficiando, é ao aforrador. E entre tanta mala noticia financeira, a mera esperanza inxecta optimismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade