Publicador de contidos
Publicador de contidos

A reunión de Aqaba apoia un proceso político en Siria "inclusivo" e "sen terrorismo"

A reunión de Aqaba apoia un proceso político en Siria "inclusivo" e "sen terrorismo"

Os países participantes tamén coinciden na necesidade de que Israel poña fin ás súas agresións no país

Conferencia de prensa tras a xuntanza en Aqaba. REUTERS/Alaa Al Sukhni
G24.gal 14/12/2024 18:57 Última actualización 14/12/2024 20:18

Os ministros de Exteriores de oito países árabes, dos Estados Unidos e de Turquía, ademais de representantes da Unión Europea e da ONU, reuníronse este sábado na cidade xordana de Aqaba para acordar unha posición unificada sobre o futuro de Siria. 

O país quedara illado no mundo árabe desde que Bachar al-Assad reprimira as revoltas da primavera de 2011. Agora hai coincidencia en apoiar un goberno "crible, lexítimo" e que sexa integrador.

"Esperemos que o fagan dunha maneira que, por suposto, protexa a todas as minorías en Siria, que haxa un goberno inclusivo e non sectario e que non se converta nunha plataforma para o terrorismo", sinalaba o secretario de Estado norteamericano Anthony Blinken.

Nunha conferencia de prensa conxunta tras a reunión internacional, o ministro de Exteriores xordano asegurou que tamén coincidiron na necesidade de que Israel poña fin ás súas "agresións" en Siria, e de que "todos traballen pola súa seguridade".

"Hai unanimidade en apoiar a Siria para lanzar un proceso político integral que responda ás aspiracións e dereitos e garanta un futuro mellor para todos neste momento histórico. Queremos que se converta nun logro para o pobo sirio co fin de pechar unha época de anos de sufrimento", dixo Ayman al Safadi.

Mentres, militares rebeldes inspeccionaban a escena dos bombardeos realizados de madrugada por Israel moi preto de Damasco. Foi contra o centro militar de Qasyoun, considerado estratéxico polo Exército de Bachar al-Assad. 

"Estabamos preto da nosa casa cando vimos unha bola de fogo e escoitamos as explosións. Pronto nos decatamos de que fora en Qasyoun", asegura un home.

Son varias as voces que se alzaron nas últimas horas para pedir que Israel remate cos ataques, desde a ONU ata o novo goberno sirio. E Rusia mantén silencio ante a nova situación, ao tempo que segue coa retirada de tropas desde o interior cara ás bases que posúe na costa de Siria.

Este sábado divulgábanse tamén imaxes tomadas con drons da prisión de Sednaya, de onde foron liberados os últimos prisioneiros. É o símbolo do autoritarismo e terror dun pasado aínda moi próximo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade