A saída e a captura do Oso protagonizan o Entroido de Sande, en Cartelle
Unhas 300 persoas, veciños e visitantes participaron no xantar popular nas adegas de Mogos
O oso irrompe despois do seu soño invernal entre a xente que festexaba na Carballeira
É unha das figuras máis ancestrais dun Entroido que se mantivo vivo malia a censura durante a ditadura
Na pequena aldea de Sande, no concello ourensán de Cartelle, festexan a saída e a captura do Oso, unha das figuras máis ancestrais do seu Entroido. Centos de persoas participaron nun xantar popular e logo degustaron unha sopa moi especial.
Esperta da longa invernía e o Oso de Sande sae coa pelica aínda espeluxada e irrompe pola carballeira na festa do Entroido.
"O Oso é unha figura que temos aquí do Entroido e non ten nin hora de saír, sae cando quere, e é libre, é o día del hoxe", conta un veciño de Cartelle.
É o momento que todos agardaban.
"Hoxe saíu bravo".
"Nós o que o vivimos así de pequeniños, isto é algo que non é fácil de explicar", di un veciño sobre o sentimento do Entroido.
Unhas 300 persoas, familias e grupos de amigos participaron no xantar popular nas adegas de Mogos. O de Sande, no concello ourensán de Cartelle, é un Entroido que vai collendo sona.
"Vimos buscando o Entroido, o auténtico Entroido".
Como auténtica é a súa sopa da pedra.
"Vai levar unha pedra que é a que lle dá o sabor".
"O Entroido en si nunca deixou de facerse, aínda na época de Franco, como vedes estamos nunha montaña moi apartados seguiu habendo o Entroido", di Mónica Vázquez, da Asociación Cultural das Bonitas, que recuperaron o seu traxe no 2009 e desde entón nunca faltan no Entroido de Sande.
E todas estas figuas, as Bonitas, o Oso, a Vaca, as Vutardas e o Meco, protagonizaron o martes de Entroido en Sande.