Publicador de contidos
Publicador de contidos

A seguridade xurídica afecta ao noso día a día, por María Bastida

OPINIÓN

A seguridade xurídica afecta ao noso día a día, por María Bastida

Imaxe de arquivo do IGME
María Bastida 24/09/2024 08:08

A seguridade xurídica parece un concepto abstracto, algo distante, cando en realidade está ao virar a esquina, afectando directamente o noso día a día. As suspensións cautelares son un claro exemplo deste impacto. Sabemos que, ás veces, manter as máquinas paradas pode resultar máis custoso que telas en marcha; que dicir entón dunha empresa enteira paralizada? Quen vai querer investir en Galicia coa ameaza constante dunha suspensión? Para a xustiza o tempo non é nada, pero para unha empresa pode ser a diferenza entre o todo e a nada, e para os seus empregados, entre ter ou non un proxecto de vida.

O incrible non é tanto que estas noticias estean no noso día a día, o que custa entender é que haxa quen o celebre como un triunfo. Cando se bloquea unha mina, un parque eólico ou calquera outra iniciativa industrial, non estamos a decidir unicamente o destino dunha empresa. Estamos a deter o emprego, a creación de riqueza, o benestar, a formación de miles de persoas e o seu dereito a desenvolver un proxecto vital e profesional onde mellor lles pareza. Estamos a rexeitar a creación de emprego de calidade, principalmente industrial, e a redistribución da poboación, a fixación de servizos e a prosperidade económica.

Desde a comodidade dos despachos nas grandes urbes é fácil tomar decisións sobre como deben vivir os demais, pero non temos dereito a condenar unha parte de Galicia ao ostracismo económico e á emigración, que hoxe non é cruzar o océano nun barco precario, senón ter que desarraigarse da túa terra para trasladarte ao cinto atlántico.

Ninguén inviste nunha industria co firme propósito de contaminar, e as regulacións actuais poden garantir que o desenvolvemento sexa compatible co medio ambiente. É innegable que calquera actividade, xa sexa mineira, forestal ou enerxética, pode levarse a cabo hoxe en día de forma plenamente sostible. As tecnoloxías e as regulacións avanzaron enormemente, garantindo que as explotacións respecten o medio ambiente. Con todo, algúns axentes sociais e políticos parecen ignorar esta realidade. Nalgún momento, os xuíces teñen que preguntarse se están para impartir xustiza ou para crear inseguridade xurídica en nome dunha protección ambiental mal entendida ou unha tramitación administrativa mellor ou peor executada. Os sindicatos, que naceron para protexer o emprego, pasaron hoxe a aliñarse con posturas políticas que negan a súa creación. O mesmo ocorre con algúns partidos políticos que, ao rexeitar calquera proxecto de desenvolvemento, parecen estar ancorados nun “non” perpetuo que impide o progreso e bloquea o benestar das futuras xeracións.

A todos nos gusta saír das nosas frías vivendas rodeadas de cemento, tomar o coche e gozar de paisaxes verdes e tranquilas. Pero detrás deses bosques debe haber vida: familias con oportunidades, con acceso a servizos, cun medio de subsistencia. Non podemos permitir que a paisaxe sexa sinónimo de despoboamento e abandono.

A aposta do goberno galego polo benestar, a actividade económica e a súa redistribución en todo o territorio é clara. Ningún sector é tan eficaz como a industria para xerar emprego estable e ben remunerado, nin ningunha política tan efectiva para o benestar como aquelas que revitalizan a actividade empresarial. A nosa esixencia tamén debe ser firme: é necesario resolver o triplo paradoxo –non á seguridade xurídica, non ao emprego, non ao desenvolvemento–. Se queremos un futuro próspero para Galicia, é hora de reformular que Galicia queremos: unha Galicia que avance e creza ou unha Galicia que quede estancada en parálise perpetua. Unha bonita postal que acabará nalgún baúl de recordos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar