A serra do Barbanza está a quedar sen gando no monte
A serra do Barbanza está a quedar sen gando no monte
A falta de pastos e a presión da fauna salvaxe están a facer descender o número de cabalos e vacas que se criaban ceibos ao xeito tradicional
A falta de pastos e proliferación da fauna salvaxe, nomeadamente o lobo e o xabaril están a provocar o abandono dos gandeiros na serra do Barbanza e con eles a desaparición do gando ceibo que se criaba tradicionalmente nestes montes.
Enrique Laranga, un gandeiro do lugar de Guiende (Lousame), aos pés do monte Iroite, explícao así: “É un círculo vicioso: canto menos gando hai no monte, menos zonas fan de pasto. E canto menos pasto hai o número de animais non para de baixar.” Calcúlase que hai vinte anos había máis de 5.000 reses ceibas na serra do Barbanza; hoxe en día o seu número apenas chegará ás 1.000.
Enrique mantén no monte unha cabana de 60 cabalo e 40 vacas, que son os mellores bombeiros para previr os incendios forestais: “Xa vedes como está nas parcelas onde aínda hai cabalos ceibos e como está o monte onde xa non hai gando, cheo de toxos e silvas. Todo isto, que é material combustible para o lume, non o habería. Porque realmente todo isto está asalvaxado, é unha zona de monte que Deus me libre que caia un misto aquí, porque o lume arrincaría en Noia e pararía ata Boiro ou ardería todo O Barbanza”.
Manuel Outeiral, gandeiro e veciño tamén de Guiende, lembra como estaban estes montes cando había máis actividade gandeira: "Isto é unha diferenza como do día á noite. Isto estaba limpo, entre os animais que había dos veciños e a xente que apañaba o toxo para facer o estrume das cortes, isto estaba todo limpo".
O lugar de Guiende conta con 22 veciños. Antes todas as casas tiñan gando no monte e mesmo facían a un curro para baixar as bestas, rapalas e desparasitalas. Agora Enrique e Manuel son dos poucos veciños que manteñen animais. Co abandono do monte tamén se viron obrigados a baixar as crías ás leiras que teñen ao pé das casas e a pechalas, despois de varios ataques de lobo: "Se deixas os becerros e os poldros arriba, agora que hai escaseza de comida, empeza a baixarlles a fortaleza e telos que baixar se queres que sobrevivan. Se non o único que tes é animais para darlle de comer á fauna”.
Manuel Outeiral ten cinco vacas e un boi nestas leiras e mantén tamén un rabaño de cabras que pastan polo monte, pero ten que recollelas todas as noites: “Eu recólloas e máis teño dous mastíns con elas porque se non xa é imposible. Se non fose polos mastíns xa sería inviable telas, xa non quedaría unha sequera. E pola noite hai que recollelas. Hai dous anos quedaron no monte dúas noites e cada noite faltaron tres".
Nin baixando os cultivos á aldea os gandeiros escapan da proliferación da fauna salvaxe, neste caso do xabaril, que vén visitar o millo todas as noites. Como di Enrique, "xabarís debe haber tantos como pelos teño eu polo corpo, porque tanto ten que botes millo diante da porta como que o botes nas leiras apartadas do monte. Deixamos de botar millo apartado para non ter danos, botámolo diante das casas e vén comelo igual. A min o xabaril paréceme un animal moi bonito para que o tivesen polo Paseo do Prado, en Madrid. Seguramente estes danos, se fosen feitos nos xardíns das cidades, tomarían medidas. O que pasa é que como é na casa dos pobres gandeiros e agricultores…, pois nada, que cultivemos un pouco máis".