Sánchez defende a amnistía para "impulsar a convivencia e o perdón"

O candidato á presidencia do Goberno defende que a medida de graza "non será un ataque á Constitución, senón unha mostra da súa fortaleza"

Sánchez anuncia transporte público gratuíto para mozos e desempregados e a prórroga da rebaixa do IVE aos alimentos

Pedro Sánchez na tribuna do Congreso (EFE/Javier Lizón)
G24.gal 15/11/2023 08:02 Última actualización 15/11/2023 14:45

O candidato á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu este mércores a amnistía para os líderes independentistas, unha medida "no nome de España, no interese de España e en defensa da concordia entre españois".

Defendeu así a medida para "impulsar a convivencia e o perdón, para apostar por un futuro de reconciliación e concordia".

Así o dixo durante a súa intervención no pleno de investidura no Congreso, en que deixou claro que a amnistía vaise aprobar "baixo luz e taquígrafos, con total transparencia": "Non será un ataque á Constitución do 78, senón todo o contrario, unha mostra máis da súa fortaleza e vixencia". 

Pide "responsabilidade e coherencia" ao PP

Sánchez, pediulle ao PP "responsabilidade e coherencia" ante a futura lei de amnistía e que se comporte como un partido de Estado e non actúe "ao ditado dunha organización ultradereitista", en referencia a Vox.

Dirixíndose á bancada da dereita pediulles que "non volvan cometer os erros que cometeron sempre" e "non aproveiten esta situación para incendiar as rúas e cuestionar a lexitimade de todo Goberno que non sexa do PP".

Ante as denuncias de PP e Vox, o secretario xeral do PSOE lembrou que no Goberno o PP -na etapa de José María Aznar- concedeu 1.400 indultos nun día e indulto "durante unha investidura" a terroristas de Terra Lliure. "Que escándalo señor Feijóo, que escándalo", ironizou.

Continuamente interrompido polas queixas dos seus adversarios políticos, Sánchez defendeu que o problema de PP e Vox non é coa amnistía, senón coa reedición do Goberno e acusoulles de non aceptar o resultado do 23X.

Respecto polos que se manifestaron

O candidato arrincara o debate da súa investidura mostrando o seu respecto por todas as persoas que se manifestaron contra a amnistía esta semana de forma pacífica.

"A todos que os exerceron de forma pacífica traslado o meu recoñecemento e respecto aos dereitos constitucionais que exerceron", dixo.

Nese mesmo sentido Sánchez aseguraba que a Constitución só recoñece un exercicio democrático superior "que é votar". E aí o candidato fixo unha reivindicación da Carta Magna, e asegurou que "seguiremos as regras que marca a nosa Constitución". "Só hai democracia dentro da Constitución", afirmou.

Elixir entre avanzar ou secundar "profetas do odio"

Durante o seu discurso, Pedro Sánchez pediu elixir avanzar ou secundar os "profetas do odio". Fronte a políticas reaccionarias, defendeu no seu discurso de investidura que o seu Goberno de coalición é o "único muro" contra a extrema dereita.

Advertiu tamén que queren encerrar aos inmigrantes en campos de refuxiados, ao explicar a disxuntiva á que se enfronta o país, cargando contra "as dereitas retrógradas" que o que fan é "rezumar clasismo, renegan das conquistas de dereitos e desprezan a quen ama de formas distinta a eles".

"Mentres eu sexa presidente do Goberno toda a forza do Estado dedicarase a defender os valores democráticos e os dereitos dos españois. Nin un paso atrás", dixo Sánchez.

Programa de Goberno, con prioridade ás políticas sociais

O candidato a presidente do Goberno anunciou que manterá seis meses máis, ata xuño de 2024, a rebaixa do IVE do 4 % ao 0 % dos alimentos de primeira necesidade como o pan, o leite, os ovos ou as froitas e verduras, e do 10 % ao 5 % para o aceite e a pasta.

Durante o debate de investidura, avanzou así mesmo que ampliará o colectivo de hipotecados que poderán acollerse ás medidas de alivio, entre as que se inclúe a ampliación do prazo do crédito, ao elevar o limiar para acollerse de 30.000 a 38.000 euros de renda media.

Ademais, comprometeuse a que a partir do 1 de xaneiro o transporte público será gratuíto para os mozos e os desempregados

Foron algunhas das medidas que anunciou o candidato, que tamén prometeu ampliar o permiso de paternidade e maternidade ás 20 semanas, e universalizar a educación publica desde os 2 anos.

Comprometeuse a aprobar un novo Estatuto dos Traballadores, que garanta que o salario mínimo interprofesional siga aumentando cada ano para manterse no 60 por cento do salario medio. 

Tamén en materia laboral propuxo reducir a xornada laboral ás 37,5 horas semanais, incorporando incentivos para que as empresas ofrezan horarios máis flexibles e potencien o teletraballo.

En materia de sanidade prometeu poñer en marcha, cos gobernos autonómicos que o desexen, un plan para lograr a redución drástica das listas de espera e ademais reforzar a atención primaria, ampliando a carteira de servizos públicos para incluír tratamentos bucodentais e oftalmolóxicos para os mozos.

Sánchez anunciou que se impulsará un gran pacto de estado pola saúde mental para aumentar o número de psicólogos e psiquiatras nos centros públicos.

Respecto á educación, anunciou a intención de mellorar as condicións e formación do profesorado, ampliar as axudas de comedor, incrementar as bolsas e reducir o prezo das taxas.

Outras medias propostas foron revalorizar as pensións conforme ao IPC, destinar máis recursos á dependencia, aprobar unha Lei de Dereitos Culturais, ou reforzar o ingreso mínimo vital, simplificando os trámites administrativos.

Ademais Sánchez comprometeuse a mellorar o acceso á vivenda, aumentando o bono para o alugueiro e impulsando unha liña de avais para permitir cubrir ata o 20 por cento da hipoteca.

En materia de igualdade anunciou a aprobación da Lei de Representación Paritaria que axude a romper os teitos de cristal, un pacto de Estado polas persoas LGTBI e actuacións contra os abusos sexuais a menores, especialmente no seo de la Igrexa.

Sánchez propón impulsar un novo modelo de financiamento autonómico que garanta os recursos ás comunidades e asumir unha parte da débeda das comunidades con independencia de que estean acollidas ao FLA. 

En materia de política exterior o máis destacado foi o anuncio de traballar en España e Europa para recoñecer o Estado palestino.

Sánchez pediu a confianza dos deputados, nunha sesión que empezou ás 12:00 horas e que concluíu despois dunha hora e corenta e cinco minutos, para "mellorar". "Será mellor para todos se sentimos ligados uns á sorte dos outros e a ese propósito quero consagrarme en corpo e alma os próximos catro anos", sinalou tras pedir o voto do Congreso.

Sánchez presentábase ante a cámara tras alcanzar os apoios de Sumar ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e Coalición Canaria, en total 179 deputados, tres por encima da maioría absoluta requirida. 

Segundo o esperado, só será necesaria a primeira votación, e, polo tanto, será elixido presidente ao finalizar a segunda xornada do debate, é dicir, o xoves 16 de novembro pola tarde.

A sesión de investidura celébrase no medio de fortes medidas de seguridade, con máis de 1.600 policías despregados nos arredores do Congreso polas protestas contra a amnistía e os pactos coas forzas independentistas que veñen repetíndose en varias cidades españolas desde hai máis de dez días.

En calquera caso, se todo vai segundo o previsto, este xoves Sánchez será elixido presidente por terceira vez, cinco anos despois de chegar á Moncloa por primeira vez tras sacar adiante a moción de censura contra o expresidente Mariano Rajoy en 2018. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade