Publicador de contidos
Publicador de contidos

A “singularidade” no financiamento catalán e o principio de solidariedade, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A “singularidade” no financiamento catalán e o principio de solidariedade, por Maite Cancelo

G24.gal 19/06/2024 08:21

ERC vén reclamando ao Goberno central o establecemento dunha cota similar á do País Vasco e Navarra, que xa supoñen unha anomalía no noso sistema de financiamento, iso si, amparada pola Constitución, e que realmente non serviu para achegar solidariedade ao sistema (segundo se recolle en numerosos estudos). Nas súas peticións atópanse a creación dunha Facenda propia que recade todos os impostos no territorio catalán e devolver ao Estado parte deses ingresos en concepto de pago dos servizos públicos que presta o propio Estado e o que chaman cota solidaria. Para xustificar esta proposta falan de que Cataluña é a terceira comunidade en achegar recursos e a décimo cuarta en recibilos. Aínda que non por moito repetir un dato erróneo este se converte en verdadeiro, como comentarei máis adiante

Ante esta reclamación e a dificultade de que Salvador Illa logre o apoio de Esquerra na súa investidura como president da Generalitat, Sánchez failles unha oferta dun financiamento “singular” e aínda que non se concretou a letra pequena o simple lanzamento da mesma provocou que, independentemente da súa cor política, as comunidades autónomas respondesen con contundencia en contra da concesión de máis privilexios económicos a unha das comunidades máis ricas do país. De feito, algúns dos presidentes autonómicos, como o galego, denuncian que a solidariedade entre rexións se utilice como moeda de cambio para conseguir fins políticos.

Consecuencias dunha posible “singularidade do financiamento” en Cataluña

Segundo os datos elaborados por FEDEA, á fronte da cal se atopa un dos maiores expertos en financiamento autonómico, Ángel de la Fuente, aínda que Cataluña é a terceira comunidade autónoma en achegar á caixa única do financiamento español, non sería a décimo cuarta, senón a novena, en recibir recursos e, ademais, non estaría infrafinanciada, xa que estaría por encima da media en ingresos por habitante axustado (3.015 euros fronte aos 2.793 do caso andaluz).

De feito, as comunidades que si se atoparían nunha situación de infravaloración, por estar por baixo da media, serían, por esta orde, Murcia, Valencia, Andalucía e Castela-A Mancha, mentres que Cataluña, Madrid, Aragón e (en último lugar) Galicia se situarían ao redor da media de financiamento por habitante axustado.

En calquera caso, de aprobarse unha proposta destas características supoñería unha minoración duns 30.000 millóns de ingresos no sistema, segundo os datos de FEDEA, que rompería claramente co principio de solidariedade interterritorial recollido na Constitución Española, o que é especialmente preocupante nun contexto no que Europa volve falar de consolidación fiscal.

E aínda que é certo que o debate sobre o financiamento autonómico debe retomarse, ten que ser no marco da negociación de todas as acomunidades autónomas (ou sexa, no Consello de Política Fiscal e non por acordos bilaterais), e tendo en conta que os tributos os pagan os cidadáns e non os territorios, e que, en todo caso, estes ingresos deben servir para pagar uns servizos públicos equiparables. Por iso, unha das claves nunha posible reforma é, precisamente, o cálculo do custo real dos servizos públicos (sanidade e educación, entre outros) que reciben os cidadáns a cambio dos seus impostos.

E ademais das consecuencias económicas, as asociacións de inspectores de facenda e de asesores fiscais denuncian problemas de encaixe legal (non sería constitucional), problemas técnicos na súa aplicación ou dun posible aumento na fraude fiscal, pero tamén unha redución dos servizos públicos nas rexións de menores rendas, que verían diminuídos os seus ingresos como consecuencia desa minoración dos seus ingresos. En definitiva, o que está en xogo é a cohesión territorial e social do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade