Poden todas as empresas asumir unha suba salarial?, por Maite Cancelo
Poden todas as empresas asumir unha suba salarial?, por Maite Cancelo
Os datos da mostra trimestral de Balances (CBT) do Banco de España correspondentes ao cuarto trimestre do 2022 indican unha expansión dos datos da cifra de negocio, os resultados e a rendibilidade das empresas non financeiras que compoñen a mostra, con valores moi superiores aos do ano anterior, pero hai que matizar varios aspectos relativos á mesma.
En primeiro lugar, estes datos refírense ás 970 empresas que colaboran nela, polo que son empresas grandes, que representan o 12 % do VAB español. Para ver os resultados dos beneficios correspondentes á mostra total, que inclúe tamén ás medianas, hai que esperar os da CBI, que é anual e incorpora as empresas medianas.
E aínda que incorporemos as empresas medianas, hai que ter en conta que o 95,7 % das empresas españolas teñen menos de dez empregados, polo que os datos publicados non serían representativos do conxunto empresarial.
Ademais, hai importantes diferenzas entre sectores, sendo as enerxéticas as que máis contribúen a esta cifra récord, con 26,7 puntos ao total de beneficios e ao 21 % do VAB computado nestes indicadores.
É certo que noutros sectores se detectou un importante aumento das rendibilidades e, sobre todo, de melloras da produción, pero non hai que esquecer que nos anos 2017-2019 estas rendibilidades eran practicamente nulas e que no ano 2020 caeron de forma espectacular debido á crise económica provocada pola pandemia.
O ano 2021 foi de recuperación, pero aínda moderada, e o que está a ocorrer no 2022 é o efecto rebote dos malos anos anteriores (que, en calquera caso, eran anormais) e, ademais, estamos a situarnos en niveis do 2019.
Outro matiz é que o 44 % das empresas que reportan no ano 2022 tiveron un resultado ordinario neto inferior ao do ano anterior, polo que os resultados non están a ser igualmente bos para todas, xa que o aumento de custos (e, por tanto, de prezos) tamén afecta de forma desigual as empresas nun momento en que os indicadores económicos aínda se están recuperando.
Por tanto, non todas as empresas poden asumir o mesmo incremento salarial, xa que os aumentos de beneficios son distintos, segundo o tamaño e sector de actividade.
E volvendo ás reivindicacións de suba de salarios proposta polos sindicatos, lembremos que non é moi recomendable facelo na mesma contía que os prezos, xa que podería dar lugar á chamada espiral inflacionista: con máis diñeiro dispoñible, aumentaríanse as compras, e este aumento da demanda daría lugar a novos incrementos dos prezos, ademais do propio incremento dos custos de produción empresariais.
Ademais, estas subidas, ao non estaren acompañadas de melloras da produtividade poderían provocar unha perda de competitividade fronte aos nosos competidores, o cal frearía o noso crecemento económico.
Para finalizar, na miña opinión, segue sendo fundamental chegar a un pacto de rendas que permita asumir unha repartición das perdas entre todos os axentes do sistema e tentar non alimentar aínda máis a inflación, que é mala para todos.