A suba dos prezos dos alimentos e as recentes propostas políticas, por María Loureiro
OPINIÓN
A suba dos prezos dos alimentos e as recentes propostas políticas, por María Loureiro
O Instituto Nacional de Estatística acaba de confirmar este martes que os alimentos e bebidas se encareceron un 13,8 % con respecto ao ano pasado, o cal marca un incremento sen precedentes en toda a serie histórica de prezos.
Os gastos dos fogares na factura da luz e en alimentos son, desde hai meses, os grandes responsables do aumento de prezos. Por poñer un exemplo, a fariña é hoxe un 39 % máis cara que hai un ano; a manteiga, un 32 %; a pasta, un 30 %; o leite, un 26 %, e os ovos, un 22 %; a carne de ave (18 %), o iogur (17 %), as patacas, o pan, a carne de vacún ou o queixo (15 % cada un), o café (14 %) ou o aceite de oliva (13 %)… En fin, non hai categoría alimentaria que non subise de prezo. Ademais, o recibo da factura eléctrica disparouse nun 60,6 %, a pesar da famosa excepción ibérica.
Que facer ante esta situación? Pódense aplicar ou aproveitar medidas xa utilizadas noutros sectores?
Permítanme lembrar que ata o momento o goberno puxo en marcha dous paquetes de medidas para tratar de suavizar o impacto de aumento do prezo da electricidade e o prezo do gas. Por unha banda, reduciu a carga de impostos na factura da luz case ao mínimo legal, e por outra, pactouse con Bruxelas un tope ao prezo do gas para baixar o prezo da electricidade. Ademais, para os carburantes introduciuse unha bonificación de 20 céntimos por litro.
As medidas postas en marcha reduciron os prezos dos combustibles líquidos nunha porcentaxe significativa (16 %), pero aínda así non impediron a escalada xeneralizada dos prezos ao consumo.
Ante esta escalada de prezos dos alimentos, a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz e o Ministro de Consumo Alberto Garzón propuxeron unha nova política baseada nunha “cesta básica da compra semanal de 30 produtos por 30 euros”.
A medida en si, nada exenta de polémica, xa foi aplicada noutros países, como por exemplo, en Francia. Durante o goberno de Sarkozy e mediante acordos voluntarios, cada gran distribuidor creou unha cesta básica de produtos segundo o seu propio criterio. Pois ben, tomando isto coma un exemplo, podíamos pensar en extrapolalo ao caso español. Pero, son ou foron estas medidas de limitación de prezos efectivas cara ao consumidor? Pois non necesariamente, xa que o gasto dedicado á alimentación depende de moitos factores e comportamentos da cadea alimentaria, e, como exemplo, non temos máis que ver outros sectores, por exemplo, o enerxético, en que, malia poñerse un límite ao prezo do gas, o prezo da electricidade segue aumentando.
En economía, cando se fala de poñer prezos “límite”, estamos recoñecendo implicitamente que os mecanismos de fixación de prezos baseados nas leis de oferta e demanda non funcionan de forma adecuada. Isto pode ser, por exemplo, porque hai problemas de competencia, ou por un determinado comportamento oportunista, en que aproveitando a tendencia inflacionista se pasa ao consumidor un sobrecusto excesivo dalgúns produtos.
Tamén temos que avaliar os efectos redistributivos da política proposta: quen gaña e quen perde coa cesta de 30 produtos por 30 euros? Espérase, efectivamente, que saia favorecido o consumidor, pero todo dependerá da configuración final da cesta ofrecida. Dende o lado da oferta, nin os pequenos produtores locais, nin o pequeno comercio son capaces de fornecer cestas de produtos con prezos prefixados durante un período de seis meses. Polo tanto, serán eles os que perdan clientela e cota de mercado. E isto pode levarnos a unha redución das canles de produción e distribución local, das que dependen moitos estratos poboacionais, como por exemplo, as zonas rurais en Galicia.
Entón que podemos facer ante esta crise alimentaria que se aveciña? A primeira cousa é recoñecer que, en efecto, estamos ante unha situación excepcional que require solucións excepcionais. Por iso, e vendo outras políticas que se aplican fóra, deberíamos pensar como apoiar directamente o consumidor final máis desfavorecido sen mesturarnos na complexa cadea agroalimentaria. E como? Hai varias medidas merecedoras de atención. Por exemplo, empregando mecanismos de compra pública innovadora por parte do Estado para mercar produto local, fresco e a prezo razoable para ser servido en comedores escolares, garderías e centros de día. Lembremos que a pobreza e a fame infantil en España está en ascenso estrepitoso e a alimentación saudable é un dereito que deberíamos asegurar aos nosos nenos e nenas.
Se os axentes públicos non desexaran ou non puideran ter un papel activo na compra e distribución de alimentos, sempre existe a posibilidade de dar subvencións directas a quen realmente as necesite. Por exemplo, nos Estados Unidos dende hai moitas décadas funcionan o que se chama os cupóns alimentarios ou food stamps. As familias con recursos baixos reciben cupóns do Estado de cor verde para empregar única e exclusivamente en produtos alimentarios no supermercado; aseguran así a súa alimentación, sen ser estigmatizados nas colas dos comedores sociais. De feito, moitos nenos pequenos pensaban de forma natural que os dólares da súa casa tiñan unha cor diferente. Do mesmo xeito aquí, en España, a administración conta con moitos datos para identificar os fogares en risco de exclusión e proporcionarlles mecanismos de sustento básico, sen obrigalos a depender da acción benéfica, que ben agradecida é.
En resumo, as solucións non intervencionistas nos mercados (esas que non tocan os prezos) son moitas e variadas e deberiamos pensar en combinacións destas, evitando sempre políticas con posibles efectos negativos para os nosos produtores locais, ademais de buscar medidas que apoien fundamentalmente o segmento de poboación máis desfavorecido.
Para rematar, o que si queda claro é que aínda que as medidas propostas sexan mellorables, necesitamos actuar xa, con dilixencia e urxencia, pois todo parece indicar que á temida crise enerxética tamén se unirá unha eminente crise alimentaria.