Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno cre que a imputación do irmán de Sánchez responde a unha estratexia de desgaste

O Goberno cre que a imputación do irmán de Sánchez responde a unha estratexia de desgaste

David Sánchez e o presidente da Deputación de Badaxoz terán que declarar en xaneiro

Para o PP, a situación é "insostible" e pídenlle a Pedro Sánchez que se retire

G24.gal 28/11/2024 14:56

O irmán de Pedro Sánchez terá que declarar o 9 de xaneiro como imputado. Investígase como conseguiu David Sánchez o seu posto de traballo e se se enriqueceu ilicitamente. Ese mesmo día tamén acudirá, en calidade de investigado, o presidente da Deputación de Badaxoz. Este xoves, Miguel Ángel Gallardo, asegurou ante a prensa que "se en vez de chamarse David Sánchez se chamase Juan Pérez, asegúrolle que non habería caso".

O informe realizado pola UCO asegura que David Sánchez non ten o 1,4 millón de euros que lle atribuíu Manos Limpias na súa denuncia. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, asegura que xa están "un pouco fartos de loias, a través de mentiras, de recortes de non se sabe que prensa".

Para os socios da coalición, estas denuncias responden a unha estratexia política para desgastalos. Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda, ve no caso "un xuízo paralelo en que xa dá igual o que resulte, xa parece que todo o mundo é culpable".

Socios do Goberno apuntan á xudicatura. Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, cre que hai unha "ofensiva por unha parte do poder xudicial que vai en contra deste goberno porque non lle gusta". A Miriam Nogueras, de Junts, tampouco lle "sorprende que se acenda o ventilador en contra do Goberno" porque eles, di, xa o viviron antes.

Non o ve así o PP, cre que a imputación do irmán do presidente é a pinga que xa fai rebordar o vaso. Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, a situación é "insostible, xa non caben máis imputados, imos a imputado por minuto".

Para o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, estamos ante "a maior degradación da política española vivida dende a Constitución do 78". Por esta razón, pídelle a Pedro Sánchez que aproveite o Congreso Federal do PSOE para "retirarse da secretaria xeral e abrir unha nova etapa en España" convocando novas eleccións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade