A sueca Loreen tatúa o seu nome na historia de Eurovisión
A sueca Loreen tatúa o seu nome na historia de Eurovisión
Como na canción que a levou á súa segunda vitoria en Eurovisión, Tattoo, a sueca Loreen gravou este sábado con tinta indeleble o seu nome na historia e na pel deste festival como a primeira muller que conquista tal fazaña.
Só un home ata o de agora o conseguira, Johnny Logan en 1980 e 1987. Porén, a artista de orixe berebere logrou que o seu país iguale o rexistro máximo de sete triunfos de Irlanda e o dereito a celebrar o festival de 2024, cando se cumpren 50 anos da coroación de Waterloo de ABBA.
Con 583 puntos no seu poder, non se deu finalmente o xiro que algúns ansiaban para burlar as predicións das casas de apostas e o finlandés Käärijä tivo que conformarse co segundo posto e 526 votos, seguido da israelí Noa Kirel, con 362.
A cabeza da táboa completárona Italia (350), Noruega (268), Ucraína (243), Bélxica (182), Estonia (168), Australia (151) e República Checa (129).
Blanca Paloma
A española Blanca Paloma e a súa nana de raíz flamenca EaEa tivo que conformarse co posto 17 de 26 que a deixa moi lonxe do top 5 prognosticado inicialmente malia obter a novena mellor nota dos xurados profesionais, pero coa máis baixa da audiencia.
A gala arrincou cunha sorpresa no vídeo protagonizado por Kalush Orchestra, campións de 2022: Kate Middleton, a princesa de Gales, sentada ao piano para acompañar desde Windsor a melodía de Stefania.