Publicador de contidos
Publicador de contidos

Malvido dimite como concelleira do PSOE en Cangas tras o seu positivo en alcoholemia

Malvido dimite como concelleira do PSOE en Cangas tras o seu positivo en alcoholemia

Iria Malvido di que se vai "por responsabilidade e polo profundo afecto que teño por Cangas e polo meu partido"

O BNG de Cangas anunciara horas antes que expulsaría do goberno a tenenta de alcaldesa

Iria Malvido, tenenta de alcaldesa de Cangas Iria Malvido, tenenta de alcaldesa de Cangas
G24.gal 28/08/2024 22:06 Última actualización 28/08/2024 22:24

A tenenta de alcaldesa de Cangas e voceira do grupo municipal socialista, Iria Malvido, presentará este xoves a súa dimisión.

A renuncia prodúcese despois de dar positivo en alcoholemia na madrugada do martes.

Malvido recoñeceu o seu erro e pediu perdón aos seus veciños.

"Pido desculpas, desde a máis absoluta humildade, polo terrible erro que cometín cando na madrugada de onte volvín á casa despois de asistir ás festas do Cristo de Cangas conducindo o meu vehículo e superando folgadamente a taxa de alcol permitida. Son consciente da magnitude do meu erro e renuncio de antemán, dada a miña condición de cargo público, a calquera circunstancia atenuante para xustificar a miña conduta", dixo a tamén concelleira de Obras e Mobilidade nun comunicado.

Malvido pide perdón a todos os veciños de Cangas e a toda a cidadanía e "de maneira moi especial ás vítimas dos accidentes de tráfico", porque, afirma, nestes momentos, que cualifica de "dolorosos", véñenlle á cabeza as persoas que sufriron perdas persoais ou lesións a causa do alcol na estrada.

"Como persoa teño dereito a gozar das festas da miña vila en compañía das miñas amizades, pero son plenamente consciente de que iso debe ser compatible co respecto ás normas que, como país democrático e avanzado, nos demos. E a seguridade viaria é un ámbito, como outros moitos, no que non caben escusas de ningún tipo", declarou.

Despois deste comunicado, Malvido comunicou a súa renuncia este xoves ao secretario xeral provincial socialista, David Regades. 

A renuncia será formalizada a primeira hora da mañá sen agardar, por tanto, á decisión da Comisión de Ética Federal.

David Regades agradeceu á concelleira canguesa o xesto e a súa “madurez política e persoal tras unha equivocación” e valorou expresamente “a dedicación e o gran traballo desempeñado durante este case ano e medio”.

Regades subliña que o Partido Socialista non só esixe exemplaridade a todos os cargos públicos, “senón que a practica en primeira persoa por doloroso que sexa”.

Iria Malvido, pola súa banda, comunicou o seu desexo de facer un recoñecemento a toda a veciñanza de Cangas que “nestas horas duras me expresou o seu apoio”, así como moi especialmente ao PSdeG-PSOE, “que é e será sempre o meu partido e ao que lle debo a honra de ter sido concelleira para traballar pola miña vila”.

“Agardo que a miña dimisión sexa un gran de area para defender esa Política con maiúscula que sempre reivindiquei e reivindicarei; cometín un erro grave e asumo as consecuencias persoais e tamén as políticas”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade