Publicador de contidos
Publicador de contidos

A terra que arrastrou a chuvia tingue de marrón a auga de Portomarín

A terra que arrastrou a chuvia tingue de marrón a auga de Portomarín

Moitos negocios non puideron traballar con normalidade

O Concello conta con que o problema se solucione nas próximas horas

G24.gal 17/10/2022 14:33

A intensa chuvia das últimas horas está detrás da turbidez da auga coa que hoxe se ergueron os veciños de Portomarín. O arrastre de terras saturou os filtros da captación municipal e das billas saía a auga cor marrón. 

Unha turbidez que afectou os veciños e os negocios de hostalería. Abel Pérez, hostaleiro de Portomarín, conta que o máis complicado foi explicarlle aos peregrinos que pedían un vaso de auga da billa que non se podía consumir.

Problemas tamén nos albergues, nos que hoxe non se puido ofrecer un servizo coa calidade acostumada aos peregrinos. Pilar Naveira, recepcionista dun albergue, conta que tiveron que ofrecer auga embotellada aos peregrinos para que puidesen lavar a cara.

A incidencia débese ao arrastre de terras que a chuvia levou ao regato da principal captación de auga de Portomarín.

Pablo Rivas, alcalde de Portomarín, di que a auga do regato da captación principal ten unha calidade excepcional, pero que, ao ter pouco caudal, cando a chuvia chega despois dun período prolongado de seca, ás veces este problema dáse puntualmente.

Estase traballando na renovación dos filtros e agárdase que o problema estea solucionado nas próximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade