A tormenta tropical Beryl deixa catro mortos e case tres millóns de persoas sen luz en Texas
A tormenta tropical Beryl deixa catro mortos e case tres millóns de persoas sen luz en Texas
Tras devastar o Caribe, Beryl chegou a Texas convertido en tormenta tropical
O paso da tormenta tropical Beryl polo estado estadounidense de Texas deixa polo menos catro mortos e case tres millóns de persoas sen electricidade. No aeroporto máis grande de Houston canceláronse máis de mil voos.
Despois de devastar o Caribe, Beryl bateu coa forza dun furacán na costa sueste de Texas, pero a medida que avanzaba cara ao interior do estado foi debilitándose ata degradarse a tormenta tropical.
“Foi ruidoso. A luz foise sobre ás dúas da mañá. Despois diso xa non se escoitaba o aire acondicionado, só o vento e a chuvia batendo na fiestra”, di Greg Harring, veciño da cidade de Austin.
Na área de Houston, a máis poboada, as autoridades informaron de catro persoas mortas pola caída de árbores ou afogadas. Os danos nas infraestruturas son importantes. Amplas zonas permanecen anegadas e a forza do vento derrubou boa parte do tendido eléctrico.
“Temos case 2,7 millóns de persoas sen electricidade en Texas, e ese número pode continuar medrando por un tempo”, di o vicegobernador do Estado, Dan Patrick.
A compañía eléctrica informou de que tardaran varios días en restablecer o servizo a todos os clientes afectados.