A TVG é a canle autonómica máis vista de España no 2021
A TVG é a canle autonómica máis vista de España no 2021
A TVG (16,6 %) pechará o ano móbil como líder entre as canles que integran a FORTA, superando o segundo en 1,1 puntos
A franxa do mediodía (30,4 %) case duplica en audiencia o seguinte competidor
A terceira e última onda do Estudo Xeral de Medios de 2021, coñecida este xoves, confirma o crecemento de audiencia da Televisión de Galicia cunha cota do 16,8 % no período de luns a venres.
A canle pública incrementa a súa cota de pantalla en dous puntos en comparación coa onda anterior e tamén en comparación co mesmo período de hai un ano.
Ademais, no resumo do ano que se completa con esta onda, a TVG (16,6 %) acada o liderado tanto en Galicia como entre as canles autonómicas, superando a TV3 (15,5 %) en 1,1 puntos.
Líderes en información
O informe salienta nesta onda unha vez máis a fortaleza dos informativos da TVG, moi especialmente na sobremesa, cunha cota media do 30,4 % entre as 13:30 e as 17:00 horas cunha franxa composta polo bloque informativo do ‘Galicia noticias’ e o ‘Telexornal mediodía’ (acadando picos por riba do 50 %) seguidos do magazine da tarde ‘Quen anda aí’, e superando en máis de 13 puntos o seguinte competidor (Antena 3, cun 17,3 %).
Tamén na franxa da noite destaca o ‘Telexornal serán’, con picos de audiencia por riba do 20 %. Por días da semana, nesta última onda do EXM cómpre salientar as audiencias dos xoves, cunha cota do 19,1 %, e dos venres, cunha cota do 18,9 %.