G24 envía información inmediata por WhatsApp

Permitirá aos subscritores recibir no móbil toda a actualidade

G24.gal 05/12/2023 14:55 Última actualización 05/12/2023 17:43

A TVG estrea unha nova canle de WhatsApp que vai permitir aos subscritores recibir no móbil toda a actualidade, de xeito inmediato.

Unha información cada vez máis dixital e interactiva non pode desaproveitar calquera canle que lle permita achegarse ao público. 

Na CRTVG comprobámolo cada día. No mes de novembro os vídeos que se colgaron na rede chegaron a millóns de persoas.

Con millóns de visualizacións que empurran a seguir apostando por novas canles como o WhatsApp.

"Á primeira hora da mañá contándoche como está o tempo. Ás tres e media recibes un resumo de noticias...". O coordinador da G24 explica que os usuarios que se subscriban recibirán as noticias más importantes do día e as mellores historias. 

"Estamos detectando que cada vez hai máis xente que unicamente se informa a través do teléfono móbil. Que ve pouquiño a televisión. A través destes vídeos que estamos facendo para as redes sociais e este contido pensado especificamente para dixital estamos chegando a un público que tradicionalmente non ve a televisión", engade Carlos Amado.

Son contidos fáciles de visualizar, que soben á Rede en tempo real. 

David Leyenda, editor da G24: "Reforzar a inmediatez do noso portal cunha canle que permite enviar todas as últimas horas e o resumo de noticias máis importantes do día á nosa audiencia dun xeito totalmente inmediato".

Conectarse é doado... Só hai que subscribirse escribindo no navegador G24.gal/whatsapp... E activar as notificacións.

"Estamos notando moitísima audiencia procedente de grandes cidades, estamos vendo que hai cada vez máis xente nova que se suma tamén á información en galego e iso é moi positivo, porque garante a continuidade deste medio de comunicación, non?", conclúe o coordinador da plataforma dixital. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade