A Radio Galega é a emisora de Galicia que máis medra en audiencia, con 123.000 oíntes
A Radio Galega é a emisora de Galicia que máis medra en audiencia, con 123.000 oíntes
O conxunto de emisoras públicas alcanza os 142.000 ointes de luns a domingo, segundo o EXM
A TVG segue a ser a canle máis vista en Galicia e a máis vista entre as as autonómicas, segundo a segunda onda do EXM
A Radio Galega é a emisora que máis sobe en Galicia, segundo os datos da segunda onda do Estudo Xeral de Medios publicados este martes. Con 123.000 oíntes de luns a domingo, Radio Galega medra un 19 % con respecto á primeira onda deste 2024.
Tamén sobe de forma exponencial Radio Galega Música, chegando aos 19.000 oíntes de luns a domingo, o que supón un incremento do 111,11 % con respecto ao período anterior.
Así, o conxunto das emisoras de radio da CRTVG alcanza os 142.000 oíntes durante toda a semana, o que supón un incremento do 26 % da súa cota de audiencia.
O dato da Radio Galega, nesta segunda onda do EXM, é especialmente significativo se o comparamos coa situación da radio xeralista, que apenas medra un 0,3 % neste período.
A Radio Galega é a canle pública ou privada que máis medra en Galicia, e é a única pública de Galicia que medra, quintuplicando en audiencia a outra emisora pública que emite no país.
TVG, a canle máis vista en Galicia
A Televisión de Galicia segue a ser a canle máis vista en Galicia e tamén entre as televisións autonómicas, segundo a segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicada este martes, baseada na mostra recabada entre o 20 de marzo e o 4 de xuño. A TVG medra ata o 21,4% de cota de pantalla no conxunto da semana, o que significa 8 puntos máis de share que o seguinte competidor privado e o dobre que a outra canle pública, La1 (10,8%).
Os galegos elixen TVG para informarse na franxa das mañás, cun 18,6% ao mediodía e á noite. No mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), destaca especialmente o bloque do ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, en que a TVG acada o 33,9% de cota de pantalla con picos de audiencia do 45% no Telexornal.
O EXM salienta tamén que no prime time, a franxa de maior consumo da xornada, TVG acada un 17,8% de cota media, superando en 5,8 puntos a Telecinco. Por días da semana, destaca a audiencia acadada os xoves (22,7%), venres (31,3%) e domingos (26,4%).
Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana
Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista todos os días da semana, superando en cinco puntos as seguintes canles máis vistas da Federación de Organismos Autonómicos.