A TVG estrea 'Un século de afouteza' coincidindo co centenario do Celta
A TVG estrea 'Un século de afouteza' coincidindo co centenario do Celta
O documental, que se emite ás once e media da noite, reflicte o espírito do celtismo e fai un repaso pola historia do club galego
Este mércores a partir das 23:30 horas os espectadores da Televisión de Galicia poderán gozar do documental ‘Un século de afouteza’, un especial que conmemora os cen anos de historia do R. C. Celta de Vigo. As luces e sombras do club no seu século de vida quedan plasmados neste espazo, que contará cos testemuños de persoeiros senlleiros do mundo celeste.
‘Un século de afouteza’ recolle os momentos chave da historia do Celta: desde a aterraxe do fútbol en Vigo a través da empresa coñecida como O Cable Inglés, pasando pola formación do equipo en 1923, ata chegar ao último gol de Gabri Veiga que salvou o equipo olívico do descenso.
Tamén lembrará citas históricas como as da Copa do Rei, competición en que chegou ata en oito ocasións á semifinal; a Champions de 2003-04, en que xogou os oitavos de final, ou a UEFA, participando nas semifinais da edición 2016-17.
Darán conta da evolución e do significado de ser do Celta ata 40 persoas destacadas como o presidente Carlos Mouriño; Rafa Benítez á fronte do equipo; Iago Aspas, que conversará coa lenda do fútbol Aleksandr Mostovói; Alicia Barreiro, a socia número un; ademais doutros adestradores e xogadores destacados, que falarán das súas lembranzas do paso polo equipo.