Claudio Giráldez renova co Celta por dúas temporadas máis
Claudio Giráldez renova co Celta por dúas temporadas máis
O club tamén confirmou a continuidade ata o 2027 da totalidade dos actuais integrantes do seu corpo técnico
O R. C. Celta reforzou este mércores a súa aposta por Claudio Giráldez coa renovación do seu contrato por dúas tempadas máis, ata o 30 de xuño de 2027.
“Raíces, identidade, canteira e proxecto. O R. C. Celta afianza o seu camiño, que percorre da man da afección, coa renovación do adestrador Claudio Giráldez ata xuño de 2027”, destaca a entidade presidida por Marian Mouriño no seu comunicado de prensa.
𝗢𝗙𝗜𝗖𝗜𝗔𝗟 📣 Claudio Giráldez renova como adestrador do #RCCelta ata 2027.
— RC Celta (@RCCelta) October 16, 2024
Seguimos 𝗰𝗿𝗲𝗰𝗲𝗻𝗱𝗼 xuntos, míster 🫡#Claudio2027 pic.twitter.com/pc7ByQQOKg
Giráldez deu o salto ao primeiro equipo a mediados do pasado mes de marzo tras a destitución de Rafa Benítez. Baixo a súa dirección, o Celta disputou 19 partidos en LaLiga, cun balance de 9 vitorias, 3 empates e 7 derrotas e unha media de 1,58 puntos por encontro.
“Con esta renovación, o R. C. Celta potencia o seu proxecto, reforza o crecemento da súa canteira e proporciona ao celtismo unha proposta futbolística propia, alegre, ambiciosa e de gran vistosidade”, apunta o Celta, que tamén confirmou a continuidade ata o 2027 da totalidade dos actuais integrantes do corpo técnico de Giráldez.