A TVG pecha o mellor xuño dende 2009 cun 12 % de audiencia no total do día
A TVG pecha o mellor xuño dende 2009 cun 12 % de audiencia no total do día
A G2, tamén en máximos, acada o seu mellor dato de audiencia da última década
A Televisión de Galicia pechou o seu mellor mes de xuño desde o 2009 cun 12,1 % de cota de pantalla no total do día, e acadou un 11,8 % no prime time, segundo o informe do medidor independente Kantar Media coñecido este sábado.
De acordo coa nota difundida pola CRTVG, os de xuño son tamén os datos máis altos acadados neste 2023. Ademais, subliña que a autonómica remata o mes como a canle pública máis vista en Galicia en todas as faixas do día.
Programas informativos
Engade que a TVG é a canle coa cota de pantalla máis alta nos seus programas informativos e segue a liderar a faixa do mediodía co Telexornal mediodía e o Galicia noticias. Este último acadou en xuño o 21,2 %, co que triplica en audiencia o informativo territorial de TVE (6,4 %).
Tamén medraron en xuño os informativos Bos días (2 puntos de cota), Bos días fin de semana (1,6), A revista (1,3), Galicia noticias fin de semana (2,7), Telexornal mediodía fin de semana (1), Telexornal serán (1,4) e Telexornal serán fin de semana (3,1).
Por días, destacan as cotas de pantalla dos mércores (13,2 %), xoves (13,1 %) e venres (13,7 %). E no prime time cómpre salientar o crecemento das cotas dos mércores (13,7 %), xoves (13,1 %) e venres (14,1 %).
"A TVG segue a actuar como un dos motores de FORTA superando a media do grupo en 3,4 puntos", indica a CRTVG nun comunicado.
Datos da G2
No mesmo comunicado, indica que a oferta infantil, cultural, social e deportiva da Galega viuse recompensada este mes de xuño cunha audiencia histórica na G2.
"Hai que remontarse ata decembro de 2013 (1,2 %) para atopar un resultado mellor que o deste mes de xuño de 2023 (1,1 %). Con este dato a G2 consolídase tamén como unha das mellores segundas canles da FORTA".
Segundo a CRTVG, os recentes estudos de audiencia de 2022 da TVG, medida por auditores independentes e diferentes metodoloxías, como son o de Kantar Media e o Estudo Xeral de Medios, sitúan a TVG entre as canles máis vistas de España.
Tamén se explica na nota que os datos do Estudo Xeral de Medios coñecidos esta semana posicionan a canle galega como a autonómica máis vista de todo o estado.
Os datos de Kantar Media, que son a referencia para o informe da tempada (setembro 2022-xuño 2023), outórganlle á TVG o seu mellor resultado de audiencia nunha tempada desde o ano 2011.