Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE aproba iniciar as negociacións de adhesión con Ucraína e Moldova

A UE aproba iniciar as negociacións de adhesión con Ucraína e Moldova

Os 27 logran que Hungría levante o veto sobre o inicio das conversas

O paquete de axuda de 50.000 millóns, outro dos puntos de fricción do cumio

Antón Montero 14/12/2023 19:52 Última actualización 14/12/2023 23:00

Prevíase un cumio longo e tenso, pero o grande obstáculo que entorpecía as negociacións entre os 27 esvaeceuse nada máis comezar. A Unión Europea acordou abrir negociacións de adhesión con Ucraína e Moldova.

E todo a pesar de que, ás portas do consello, o húngaro Viktor Orban dicía que o seu veto á candidatura ucraína era inamovible. "Hai unhas condicións, e non as cumpre", dixo Orban.

Finalmente, o líder húngaro non votou a favor, pero tampouco se opuxo, abondo para que a decisión saíse adiante.

Antes de coñecerse a noticia, o presidente ucraíno facía un chamamento desesperado: "Non traizoedes o pobo e a súa fe en Europa. Os europeos non entenderían que un sorriso satisfeito de Putin sexa o resultado da reunión de Bruxelas", dicía Zelenski.

Unha vez coñecida a decisión, o líder ucraíno falaba dunha vitoria para toda Europa. Os líderes europeos tamén acordaron concederlle o status de candidato a Xeorxia e pospoñer as aspiracións de Bosnia ata que cumpra os criterios de incorporación.

Onde aínda non hai acordo é noutro dos puntos quentes da reunión: unha reforma do presuposto comunitario que inclúe 50.000 millóns de euros de axuda a Kíiv. Tamén aquí Hungría é a voz discordante.

O derradeiro consello do ano tamén vai debater a petición dun cesamento do fogo en Gaza, un asunto en que os 27 están aínda máis divididos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade