Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE pecha un acordo para poñerlle tope ao gas en 180 euros MWh

A UE pecha un acordo para poñerlle tope ao gas en 180 euros MWh

O pacto sae adiante pese a oposición húngara e as abstencións dos Países Baixos e Austria

Ribera di que o acordo é un sinal de que "Europa non vai pagar calquera prezo"

Desactivarase se a CE detecta caída na oferta ou efectos sobre a estabilidade financeira 

G24.gal 19/12/2022 16:55 Última actualización 19/12/2022 20:31

Os países da Unión Europea chegaron este luns a un acordo para establecer un tope de prezo ás importacións de gas en 180 euros o megawatt/hora (MWh) nas transaccións vinculadas a índice TTF de Ámsterdam.

O acordo saíu adiante co voto en contra de Hungría, as abstencións dos Países Baixos e de Austria e os votos a favor do resto de estados membros nunha negociación desenvolvida no duodécimo consello de ministros de Enerxía do ano.

Segundo o acordo alcanzado, o mecanismo activarase cando ao mesmo tempo se superen os 180 euros no mercado europeo durante tres días seguidos e haxa unha diferenza de prezo de 35 euros respecto aos mercados internacionais.

O sistema desactivarase se a Comisión Europea detecta caída na oferta ou efectos sobre a estabilidade financeira da Unión. Esta cláusula foi a que permitiu salvar as resistencias de Alemaña, temerosa de que un tope puidese botar atrás os seus provedores.

España non logrou que se fixase un prezo dinámico ligado a outras referencias internacionais, pero dáse por satisfeita co límite fixado, 100 euros menor que a primeira proposta da Comisión.

Teresa Ribera: ¡por fin! 

Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, di que "é un sistema traballado, seguro, que ofrece ese atractivo para o mercado europeo pero sen caer no erro de lanzar o sinal de estar dispostos a pagar calquera prezo".

"¡Por fin! Acabamos de chegar a un acordo para establecer un mecanismo que facilite unha corrección de prezos do gas natural cando se disparen de novo", dixo a través da súa conta de Twitter a ministra española para a Transición Ecolóxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade