A ultradereita alemá gaña as eleccións en Turinxia e queda segunda en Saxonia
A ultradereita alemá gaña as eleccións en Turinxia e queda segunda en Saxonia
A AfD é o primeiro partido de ultradereita que gana unhas eleccións na Alemaña desde a fin da II Guerra Mundial
Os primeiros resultados confirman que será difcil conformar gobernos sen a extrema dereita
Os resultados finais preliminares dos comicios rexionais nos estados federados de Turinxia e Saxonia, no leste alemán, nos que a ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) se erixiu este domingo como a primeira e a segunda forza máis votada, respectivamente, confirman os augurios dunha complicada formación de gobernos para deixar fóra á extrema dereita.
En Turinxia, a AfD arrasou co 32,8 % dos votos, fronte aos 23,4 % nos anteriores comicios de 2019, e contará así con 32 escanos, dez máis. A CDU situouse en segundo lugar co 23,6 % de apoios (21,7 % en 2019) e terá dous deputados máis, ata un total de 23.
A liga Sahra Wagenknecht (BSW), formación de recente creación ao redor de Wagenknecht, deputada proveniente da Esquerda, logrou nos seus primeiros comicios o 15,8 % de votos, o que se traduce en 15 escanos.
A Esquerda do xefe de Goberno saínte, Bodo Ramelow, que gobernou esta última lexislatura en minoría nunha coalición con socialdemócratas e verdes, sumou o 13,1 % de apoios, fronte ao 31 % de 2019, e perde 17 deputados, ata os 12. O Partidos Socialdemócrata do chanceler alemán, Olaf Scholz, tívose que conformar co 6,1 % de votos (8,2 % en 2019) e terá, con seis escanos, dous menos.
Os Verdes, socios de coalición do goberno de Scholz, quedarán fóra da cámara rexional ao non superar, co 3,2 % de votos, a barreira do 5 %. Nos comicios de 2019 conseguiran aínda o 5,2 % de apoios e cinco deputados.
En tanto, en Saxonia, o conservador Michael Kretschmer, quen gobernou esta última lexislatura con verdes e socialdemócratas, quere seguir á fronte do goberno, tras impoñerse a CDU co 31,9 % dos votos cunha marxe escasa á AfD, que sumou o 30,6 %, fronte ao 32,1 % e ao 27,5 %, respectivamente, en 2019.
A CDU terá así 42 deputados, e a AfD, 41, fronte aos 45 e 38, respectivamente, na anterior lexislatura. En tanto, BSW foi a terceira forza máis votada, co 11,8 % de votos, polo que lle corresponderán 15 escanos.
O SPD sumou o 7,3 % de votos (7,7 % en 2019) e perde un deputado, ata os nove, mentres que Os Verdes superan con escasa marxe a barreira do 5 %, co 5,1 %, fronte ao 8,6 % nos anteriores comicios, e perde a metade de escanos, ata seis.
A Esquerda, que nos anteriores comicios sumara o 10,4 % de votos, o que se traduciu en 14 deputados, queda fóra do Parlamento ao non lograr, co 4,5 %, superar a barreira para entrar na cámara rexional. En Turinxia, a participación electoral foi do 73,6 %, e en Saxonia, do 74,4 %.