Máis de 21.000 aspirantes concorren ás oposicións do ensino que comezan o 22
Máis de 21.000 aspirantes concorren ás oposicións do ensino que comezan o 22
8.000 mestres optan a 520 prazas en educación infantil e primaria
No ensino secundario hai máis de 11.000 inscritos para 875 prazas
Última semana de repaso para máis de 21.000 opositores que optarán a unha praza fixa como mestres ou profesores de secundaria e FP a partir do curso que vén. O sábado 22 comezan os exames en Galicia.
Este ano ofértanse oito especialidades no corpo de mestres, 34 no ensino secundario, cinco no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e catro para profesorado de escolas oficiais de idiomas.
"No corpo de mestres as especialidades máis demandadas son Educación Infantil e Educación Primaria. En Secundaria son Xeografía e Historia, Inglés, Galego e Bioloxía", asegura Xesús Álvarez, director xeral de Centros e de Recursos Humanos da Consellería de Educación.
Con esta convocatoria, a Consellería de Educación valora que a estabilidade laboral dos docentes galegos é boa e que o número de profesores con praza aquí supera a do resto de comunidades.
"Temos a taxa de interinidade máis baixa de todo o Estado. Xa cando empezou o proceso de estabilización nós estabamos por debaixo do 8 % de taxa de interinidade e nestes momentos estamos por debaixo do 5 % na taxa de interinidade estrutural. A maior parte das comunidades están por enriba do 24 e 25%", destaca Álvarez.
Os exames desta convocatoria desenvolveranse nos centros de ensino de 15 localidades do país. Para aqueles opositores que superen a primeira proba, o proceso continuará nas semanas seguintes.