Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais puxo unha vintena de persoas a disposición xudicial

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais puxo unha vintena de persoas a disposición xudicial

A Unidade investiga case en tempo real o 70 % dos incendios de Galicia

Os índices de risco de incendio son altos en zonas do interior onde hai máis de cen días que case non chove

G24.gal 31/08/2024 13:51

A investigación dos incendios forestais permite cada vez unha maior e máis rápida identificación e posta a disposición xudicial dos incendiarios, unha vintena no que levamos de ano. Nos últimos días os axentes da Unidade de Investigación de Medio Rural identificaron o presunto autor de varios lumes no concello ourensán de Vilamarín. 

Segundo a Unidade de Investigación de Incendios Forestais, en Galicia (UIFO), arredor dun 65 % dos lumes son intencionados e a porcentaxe restante estaría provocada por accidentes no monte, rozas, liñas eléctricas, escapes de lume ou causas naturais. Os axentes que fan a inspección ocular en máis do 70 % dos incendios do país, case en tempo real, conseguen as probas indiciarias que despois permiten poñer a disposición xudicial os incendiarios. 

"Por incendios provocados que poden ser intencionados ou imprudencias debemos estar xa por enriba de 20 persoas postas a disposición xudicial, nun traballo en colaboración con axentes forestais e forzas e corpos de seguridade. Seguimos con investigacións abertas e esperamos poder poñer a disposición xudicial a máis persoas en pouco tempo", asegura Aurelio Mosteiro, axente coordinador da UIFO

Son as cifras do que levamos de ano nun traballo en conxunto con outras forzas de seguridade e que estes axentes fan con dedicación exclusiva. De momento este verán non tivo un índice elevado de incendios pero a época de maior risco continúa.

"Hai moitas zonas do interior de Galicia onde levan máis de cen días sen precipitacións superiores a 10 milímetros. Iso, xunto co estado dos combustibles, indican os elevados índices de perigosidade para o que queda de setembro e principios de outubro", advirte Fernando Veita, subdirector xeral de Extinción

Os axentes da UIFO insisten en que é fundamental a colaboración da veciñanza e, no caso de ter información relevante sobre un lume, a poboación pode chamar de xeito anónimo ao teléfono 900 815 085 para colaborar na investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade