Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unidade Militar de Emerxencias fai prácticas contra o lume nos montes galegos

A Unidade Militar de Emerxencias fai prácticas contra o lume nos montes galegos

Efectivos da UME colaboran coas brigadas de Medio Rural nunha queima prescrita en Vimianzo

G24.gal 07/04/2022 14:56

As brigadas forestais da Xunta preparan os montes para reducir os riscos de incendio no verán. Fan rozas ou queimas para eliminar combustible dos montes, e nun destes operativos sumóuselles a Unidade Militar de Emerxencias.

Executaron en Vimianzo unha das últimas queimas prescritas da campaña, que se desenvolve entre finais do outono e principios da primavera. Fanse nos 19 distritos forestais galegos para que os montes estean mellor protexidos do lume. 

As queimas dirixidas permiten controlar a vexetación en superficies de difícil acceso, e crear unha franxa de seguridade libre de mato.

"Se houbera lumes, contrólanse mellor e non se farían tan extensos", explica un dos axentes ambientais do Distrito Forestal de Fisterra. 

A UME desprazou ata Vimianzo 37 militares e 15 vehículos do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias, con base en León. Traballaron na planificación e na execución da queima prescrita, desenvolvida nunha superficie de cinco hectáreas. 

Segundo explicou o xefe do Servizo provincial de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Acebal, foi a UME a que solicitou esta colaboración, co obxectivo de facer prácticas no terreo. 

"Están interesados por seguir en contacto co manexo do lume, nesta época de baixo risco. Están facendo o traballo máis parecido ao que farían nunha extinción", conta Acebal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade