A vaga de incendios forestais que afecta o centro de Chile causa máis de 110 mortos
A vaga de incendios forestais que afecta o centro de Chile causa máis de 110 mortos
As cifras aínda son provisionais porque son moitos os desaparecidos
Unhas 40.000 persoas perderon as súas vivendas no que é o maior desastre natural no país desde o terremoto de 2010
Chile vive o primeiro dos dous días de loito oficial decretados polo presidente Boric en memoria dos máis de 110 mortos causados pola vaga de incendios forestais que afectan o centro do país.
O lume destruíu total ou parcialmente os fogares de 40.000 persoas.
Mires onde mires, a devastación causada polos incendios forestais é total na rexión de Valparaíso, no centro de Chile.
A casa de Juan Contreras, veciño de Viña de Mar, só existe xa na súa memoria. “Isto era a cociña, aquí tiña a miña lavadora, isto era o baño, aquí a ducha, aquí o váter. Este era un cuarto, aquí había outro e isto era o comedor”.
Os 165 incendios forestais contabilizados polas autoridades chilenas deixan 112 mortos, pero son cifras provisorias, porque moitos veciños están desaparecidos. 40.000 persoas perderon a súa vivenda.
“O vento era terrible; a calor, abrasadora. Non daba tregua. A xente saía para todos os lados”. A simultaneidade e o lugar de inicio de moitos incendios apuntan a unha intencionalidade humana.
“Se estas persoas existen, ímolas buscar, ímolas atopar e terán que enfrontar no só o repudio da sociedade enteira, senón tamén todo o peso do dereito e da lei”.
O presidente chileno decretou o toque de recollida nas zonas afectadas e enviou militares para axudar a extinguir os incendios, no que é a peor traxedia que sofre o país suramericano desde o terremoto de 2010.