A valoración das antigüidades depende do obxecto e da investigación dos taxadores
A valoración das antigüidades depende do obxecto e da investigación dos taxadores
En Galicia hai tanto patrimonio histórico que en moitas ocasións non se valora adecuadamente
Os taxadores certifican o valor obxectivo dunha antigüidade de cara a unha herdanza ou venda
Calcular o valor dun obxecto antigo non é doado. Para iso está o taxador, que cataloga e certifica a procedencia e o custo real dunha antigüidade e que en Galicia moitas veces resulta complicado.
"Temos tantas antigüidades en España e en Galicia que ás veces acontece como cando pasas pola catedral, que de tantas veces que vas xa nin a miras. As pezas antigas teñen un valor engadido, histórico-artístico que non deixa de ser o noso pasado e hai xente que segue a valoralas", apunta Ana Castro, taxadora de arte e antigüidades.
Entre os clientes destes profesionais están os que queren coñecer a cotización dun produto concreto ou dun conxunto para o repartimento equitativo no caso dunha herdanza. E non sempre é doado.
"Atopei de todo. Dende pezas que a familia pensaba que non valían nada e custaban moitísimo, ata obxectos que os parentes viñan dicindo toda a vida que custaban moitísimo e que despois nada. Hai veces que teño que dar algún desgusto pero tamén dou alegrías", indica Ana Castro.
O taxador, investiga e orienta, mais o mercado é o que manda. "O ouro, as xoias, os reloxos, seguen a ter un coleccionismo interesante; a pintura tamén, e o que menos os libros e os mobles, que están agora mesmo un pouco de capa caída", comenta a taxadora.
E aínda que non é o habitual, nesa investigación que é a taxación aparecen as sorpresas inesperadas e agradecidas.
"Unha vez valorei un busto nunha casa, que o trouxeran de Francia, e dixéronme que naquel momento que valera máis a peza que a propia casa", lembra Ana Castro.
Antes vender unha antigüidade, os taxadores recomendan unha consulta profesional: ademais de poder ter unha boa nova económica, promóvese a conservación do patrimonio histórico para as xeracións vindeiras.