Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil atopa máis restos biolóxicos do cadáver de Cortegada

A Garda Civil atopa máis restos biolóxicos do cadáver de Cortegada

A muller de 26 anos confesou durante un novo rexistro na leira da súa casa que matou o home e calcinou o seu corpo

Está previsto que este xoves preste declaración nos xulgados de Ribadavia

G24.gal 22/12/2021 13:05

A autora confesa do crime está detida na comandancia da Garda Civil de Ourense e está previsto que este xoves ás dez da mañá preste declaración nos xulgados de Ribadavia.

Nesta xornada relatoulle á xuíza que si que foi ela a que matou na súa casa de Rabiño o home de Barcelona que coñecera por Internet. Confesoullo de xeito espontáneo mentres colaboraba na procura dos restos do corpo que unha vez queimado agochou por diferentes lugares.

A muller de 26 anos de idade, veciña de Cortegada, está investigada tras afirmar nunha consulta de psiquiatría no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que queimara o cadáver dun home ao que coñecera a través de Internet, confesou este mércores que o matou.  

A confesión produciuse voluntariamente ante a xuíza e a secretaria xudicial na leira da aldea dos Rabiños onde se estaba producindo un novo rexistro, despois de que a última hora da tarde dese martes se atopou un pé.

Relatoulle á maxistrada que o asfixiou despois de adormecelo con medicamentos, logo queimou o corpo, despezouno e botou os restos por diferentes lugares.

Coñecéranse por Internet

Ambos contactaran por Internet e o home, de 53 anos de Barcelona, veu o 20 de agosto coñecela a Rabiño, tres días despois xa estaba morto.

A familia da vítima denunciara a súa desaparición no verán. Dende aquela, a Garda Civil xa estaba investigando, pero a moza non foi detida ata que confesou diante do seu médico.

Rexistros durante toda a xornada

Á primeira hora da mañá, os axentes da Policía Xudicial de Ourense retomaban os rexistros. Coa axuda de efectivos de Protección Civil, que rozaron o terreo, centraron a busca nos puntos indicados pola homicida confesa e atoparon novos restos.

A muller acompañounos en todo momento, tapada pola cabeza cunha chaqueta. Amosouse colaboradora malia a recomendación do seu avogado, ata o punto de confesar que ela mesma o asfixiou.

Coas súas achegas vanse reconstruíndo uns feitos que se remontan ao mes de agosto, cando a suposta vítima, de 53 anos, viaxou desde Barcelona para reunirse con ela na vivenda do Rabiño, en Cortegada. Tres días despois, xa estaba morto.

Os rexistros continúan e non está previsto que a muller pase a disposición xudicial ata este xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade