Publicador de contidos
Publicador de contidos

A volta ás aulas trae cambios organizativos en Galicia

A volta ás aulas trae cambios organizativos en Galicia

Redúcese o número de alumnos por aula en 4º de infantil, pasando dun máximo de 25 alumnos a 20

Esta medida, segundo a Consellería de Educación, ampliarase ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema

Nas etapas de infantil e primaria hai este curso 4.000 alumnos menos matriculados, pero segundo a Xunta haberá máis mestres

G24.gal 01/09/2024 14:02

O regreso ás aulas trae cambios organizativos en Galicia que se estrearán neste curso escolar, tras o acordo asinado coas organizacións sindicais. Entre eles, iníciase unha baixada do 20 % no número de alumnos por aula, comezando por 4º de Infantil, unha medida que se estenderá progresivamente ao resto de etapas educativas.

"Pasamos de 25 a 20 alumnos por aula, iso implica que o profesor vai ter menos nenos na clase polo que vai poder darlle unha atención máis individualizada, centrarse máis en cada neno, coñecer cales son as súas características e as súas necesidades, e por tanto darlles unha educación máis personalizada", di Jesús Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos Consellería de Educación. 

Este curso nas etapas de infantil e primaria hai menos alumnos matriculados, pero haberá máis mestres. 

"Estamos en infantil e primaria con 4.000 alumnos menos, dúas aulas máis que o curso pasado e mestres estamos traballando nos últimos detalles, pero imos ter bastantes máis mestres que o curso pasado", engadiu.

Empréndense ademais melloras na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e nos centros do rural.

"Temos que adaptar o sistema educativo galego ás novas demandas da sociedade, ás novas dinámicas e queremos darlle estabilidade e maior atención a quen máis o necesita, sobre todo ao alumnado con necesidades educativas específicas de apoio e niso estamos traballando", destacou. 

Segundo a Consellería de Educación, con estas medidas iníciase neste curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade