Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ordenan o ingreso en prisión dos condenados pola contratación irregular da cuñada de Carmela Silva

Ordenan o ingreso en prisión dos condenados pola contratación irregular da cuñada de Carmela Silva

A Audiencia de Pontevedra dá por finalizadas as medidas cautelares ao haber xa sentenza firme do Tribunal Supremo

Os condenados, durante o xuízo na Audiencia Provincial Os condenados, durante o xuízo na Audiencia Provincial
G24.gal 03/02/2022 14:08

A Audiencia Provincial de Pontevedra ordena o ingreso en prisión dos dous condenados pola contratación ilegal da cuñada de Carmela Silva, a presidenta da Deputación, no Concello de Vigo. 

A notificación da Audiencia de Pontevedra chega logo de que un deles pedira o indulto lembrando a súa militancia no PSOE e na UXT.

Os maxistrados solicitan a entrada inminente en prisión de Francisco Gutiérrez Orúe e Ramón Comesaña e deixan sen efecto as medidas cautelares que lles permitían seguir en liberdade.

O Tribunal Supremo ratificou o pasado mes de novembro unha condena a cinco anos e tres meses de prisión para Guitérrez Orúe, exxefe de servizo do Concello de Vigo, por prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil; e a pena dun ano e seis meses por estes dous últimos delitos para Comesaña, exapoderado da concesionaria que contratou á familiar da presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva.

No decreto en que pide o ingreso en prisión, a Audiencia lembra, ademais, que aínda está pendente de aboar unha indemnización de 108.147 euros: a cantidade que se malversou ao pagar os soldos da cuñada da tamén presidenta do PSdeG por un traballo que non realizou.

A pesar de ser a administración defraudada, o Concello de Vigo non se presentou ante a xustiza como parte afectada. Esta notificación prodúcese dous días despois de que a Audiencia recibira a petición de indulto de Gutiérrez Orúe.

A súa defensa solicitaba, precisamente, a suspensión do seu ingreso en prisión mentres non se resolvese esta solicitude. No escrito, o funcionario alegaba o seu arrepentimento, a reparación do dano causado, a imposibilidade de volver delinquir ao estar xubilado, a ausencia de lucro persoal e tamén defendía o seu compromiso cos dereitos sociais dos traballadores lembrando a súa militancia no PSOE e na UXT dende os anos 80.

O tribunal dá por finalizadas as medidas cautelares, ao haber xa sentenza firme do Tribunal Supremo, e concédelles cinco días de prazo para ingresar no cárcere e tres para presentar recurso. Un dos condenados, exxefe de servizo do Concello de Vigo, está pendente da resolución do Goberno á súa petición de indulto. Considera que xa resarciu o dano causado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade