A Xunta activará unha app para a Tarxeta Xente Nova
A Xunta activará unha app para a Tarxeta Xente Nova
Alfonso Rueda puxo en valor que no primeiro ano de funcionamento da tarxeta permitiu viaxar gratis en autobuses interurbanos 112.000 mozos menores de 21 anos
O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda avanzou este venres que cara ao próximo curso académico se poñerá en marcha a plataforma móbil para facilitar o uso da Tarxeta Xente Nova sen necesidade de activar a tarxeta moedeiro nin de adiantar o diñeiro.
Durante o acto con motivo do primeiro aniversario do seu funcionamento, Rueda puxo en valor que esta iniciativa permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos 112.000 mozos menores de 21 anos.
O presidente da Xunta, que, acompañado pola conselleira de infraestruturas e mobilidade Ethel Vázquez, chegou á estación intermodal subido a un autobús cunha vintena de rapaces, incidiu no éxito desta iniciativa que ademais do transporte metropolitano en autobús tamén opera en Vigo no transporte da ría e no tren de vía estreita da comarca de Ferrol.
A este fío, Rueda destacou que as familias dos mozos beneficiarios aforraron desde a súa posta en marcha máis de 14 millóns de euros, xa que en só neste ano, a Xunta destina 7 millóns a este servizo.
A modo de exemplo, o presidente da Xunta explicou que un mozo de Noia que viaxa todos os días en bus á Universidade de Santiago durante o curso aforrará ao redor de 1.200 euros, “unha cifra moi respectable”.
Neste sentido, destacou que Galicia é a “única comunidade autónoma que ofrece esta posibilidade” de facilitar o transporte gratuíto por todo o territorio aos menores de 21 anos.
Pola súa banda, a conselleira puxo en valor tamén que a Xunta busque concienciar os máis pequenos dos beneficios do transporte público: "Somos conscientes de que o que se aprende de pequeno non se esquece nunca, e hai que convencer a máis novos de que utilicen o transporte público como o modelo máis sostible e limpo”.
O alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo remarcou que o Concello compostelán tamén se suma a “esta aposta polo transporte público”, que espera que en 2023 volva ás cifras de “total normalidade” tras a pandemia sanitaria.