Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta adxudica por 158.000 euros a dragaxe para a recuperación de calado no peirao de Camelle

A Xunta adxudica por 158.000 euros a dragaxe para a recuperación de calado no peirao de Camelle

O conselleiro do Mar destacou que o material que se extraerá é compatible cos áridos da praia de Camelle, polo que se depositará nese areal

Os traballos, que comezarán cando remate o verán, teñen un prazo de execución de tres meses

G24.gal 06/08/2024 12:57

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galcia, adxudicou as obras de dragaxe do porto de Camelle, no municipio coruñés de Camariñas, co obxectivo de recuperar o calado.

Así o comunicou este martes o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita á zona acompañado polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez, na que informou de que o orzamento de adxudicación dos traballos é de 158.000 euros.

Villares explicou que as obras previstas consisten na extracción dos áridos do fondo mariño para a recuperación de calado ata a cota -2. Actuarase nunha superficie de 7.500 metros cadrados fronte á liña de atracada do peirao para mellorar as condicións de operatividade do porto e as zonas de manobra dos buques.

En concreto, na zona de atracada se dragará area entre as cotas -1 e -2 debido á existencia de roca, mentres que no resto da zona portuaria a retirada de áridos alcanzará a cota -2.

Ademais, o conselleiro destacou que, dada a súa calidade e características, o material que se extraerá é compatible cos áridos da praia de Camelle, polo que se depositará nese areal.

A pesar de que xa se asinou o contrato para a execución das obras, o inicio pospoñerase ata a finalización da tempada de verán para evitar que a maquinaria de extracción e depósito dos áridos interfira cos bañistas na praia de Camelle. Unha vez iniciados os traballos, o prazo de execución previsto é de 3 meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade