A Xunta ameaza con denunciar a Nostían na Fiscalía por delito ecolóxico
A Xunta ameaza con denunciar a Nostían na Fiscalía por delito ecolóxico
"Hai sentenzas que están obrigando ao selado destes vertedoiros, non se está facendo, pasan a pelota da concesionaria ao Concello, e a Xunta ten que actuar"
A planta de refugallos da Coruña ten dous vasos sen selar, unha infracción da que xa se advertiu á concesionaria en diferentes ocasións.
Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez dixo que recorrerán á vía xudicial se non se adoptan solucións: "Hai sentenzas que están obrigando ao selado destes vertedoiros; non se está facendo, pasan a pelota da concesionaria ao Concello, e a Xunta ten que actuar. De non termos un cronograma e unha planificación verdadeira, non nos queda outra (...) máis que recorrer á Fiscalía".
A conselleira tamén se referiu á recente aprobación de impacto ambiental do novo PXOM de Vigo e pediulle ao Concello axilidade para acometer a construción de novas vivendas na cidade.
Vázquez tamén falou do problema da proliferación de pisos turísticos en Galicia. Asegura que as competencias para resolver ese problema están en mas do Goberno central e quéixase de que a nova lei de vivenda non dea solucións.
Por outra banda, insiste en reclamarlle ao Ministerio unha reunión coas comunidades autónomas para tratar as actuacións que marca esa norma en materia de alugueiro, unhas novidades que, na súa opinión, contribúen a reducir o número de pisos no mercado.
"O que está agardando a Xunta é que se nos dea a data pertinente para esta xuntanza antes de que o Goberno da Xunta, de non chegar a acordo, teña que facer o recurso necesario por entender que é inconstitucional".