A Xunta e as universidades apostan por un modelo educativo dual
A Xunta e as universidades apostan por un modelo educativo dual
Trataríase de combinar os estudos na facultade cun contrato laboral remunerado
Galicia quere facer unha forte aposta pola formación universitaria dual cun sistema pioneiro en España. Trátase de combinar as clases de graos e másteres na facultade co traballo remunerado e cun contrato en empresas.
O Goberno galego quere reproducir a experiencia da FP dual. En definitiva, o obxectivo é recortar a distancia entre o mundo laboral e o académico, e que todos os sectores produtivos colaboren man a man coas universidades.
"Incrementar a interacción que existe e mais a confianza entre os sectores produtivos e a universidade e deseñar sinerxías entre a academia e os sectores produtivos buscando sempre un beneficio mutuo", di Román Rodríguez, conselleiro de Educación.
Deste xeito, o Sistema Universitario de Galicia contará a partir do próximo curso cun modelo de graos e másteres en que o alumnado combinará a súa formación nas tres universidades públicas cun contrato laboral regulado e remunerado nunha empresa.
O titular da Educación destacou que esta iniciativa que "reproducir o éxito que a opción dual tivo na Formación Profesional tamén nas universidades". Sobre isto, Román Rodríguez lembrou que o alumnado da FP Dual alcanza unha taxa de empregabilidade de case o 100 %, "o que demostra que se trata dun modelo educativo de éxito para a captación de talento e para a formación de calidade de profesionais cualificados e necesarios para o tecido económico".
A lei de universidades unha oportunidade perdida
A Xunta ve unha oportunidade perdida na nova lei de universidades que onte aprobou o Congreso. O goberno galego cre que responde a intereses partidistas, e que deixa desprotexidas ás comunidades porque fixa un mínimo de financiamento por lei, pero non o dota economicamente.
"É unha lei que volve ser unha oportunidade perdida. Non soluciona algúns dos problemas e vai xerar novas dinámicas que, entendemos, non serán positivas para a universidade", afirma Román Rodríguez, conselleiro de Educación.