A Xunta aproba o decreto para a gratuidade da matrícula universitaria
A Xunta aproba o decreto para a gratuidade da matrícula universitaria
O xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que Galicia será a única comunidade que ofrecerá estudos superiores de balde ao alumnado que cumpra unha serie de requisitos
A partir do segundo curso, para ter a matrícula gratis a condición é superar o 90 % das materias nos graos de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, o 80 % das materias nas carreiras de Ciencias da Saúde e o 65 % nos graos de Enxeñarías, Ciencias ou Arquitectura
Tamén sendo de balde as matrículas das escolas infantís, o que garante a gratuidade de todas as etapas educativas en Galicia
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión semanal deste luns os acordos necesarios para que as matrículas universitarias e das escolas infantís sexan gratis o próximo curso. O xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que Galicia será a única comunidade que ofrecerá estudos superiores de balde ao alumnado que cumpra unha serie de requisitos.
A partir do próximo curso os alumnos universitarios de primeiro ano non pagarán matrícula se superaron a ABAU en Galicia ou un ciclo de FP superior. No caso dos estudantes de Ensinanzas Artísticas o requisito é aprobar a proba de acceso específica.
A partir do segundo curso, para ter a matrícula gratis a condición é superar o 90 % das materias nos graos de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, o 80 % das materias nas carreiras de Ciencias da Saúde e o 65 % nos graos de Enxeñarías, Ciencias ou Arquitectura.
"Fomos pioneiros en conxelar as taxas universitarias hai trece anos e agora dámoslle luz verde á matrícula gratuíta para os graos universitarios e para ensinanzas artísticas superiores. Estamos en coherencia co que dixemos sempre de premiar ou estimular o esforzo dos alumnos, axustándonos ás diferentes dificultades das carreiras", explicou Alfonso Rueda.
O Consello da Xunta tamén aprobou consolidar a gratuidade das escolas infantís o próximo curso, sexa cal sexa a renda da familia ou o tipo de gardería. A novidade é que as escolas infantís privadas e de iniciativa social deberán aplicar os mesmos criterios de preferencias que as da Xunta, é dicir, terán máis puntuación as familias con irmáns no centro ou nas que traballan os dous proxenitores.