A Xunta aproba o Plan galego de reprodución asistida para ampliar a carteira de servizos
A Xunta aproba o Plan galego de reprodución asistida para ampliar a carteira de servizos
O plan será de implantación progresiva para que no horizonte de 2028 todas as mulleres poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública, se amplíe ata os 45 anos a idade límite para acceder a tratamentos de reprodución asistida e se permita acceder a eles ás mulleres que xa teñen fillos
O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan galego de reprodución asistida 2024-2028, ao que se van destinar 7,8 millóns de euros e que segundo o presidente Alfonso Rueda vai permitir que Galicia sexa a comunidade que ofrece a carteira de servizos máis ampla neste campo.
Entre as principais novidades que presenta o plan é que de xeito progresivo é que as mulleres que xa teñen un fillo poderán someterse a tratamentos de reprodución asistida, vaise ampliar aos 45 anos a idade límite para poder acceder a estes tratamentos e vaise garantir a conxelación de óvulos na sanidade pública a todas as mulleres de ata 35 anos, sen necesidade de que padezan unha patoloxía previa.
Segundo detallou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vaise garantir, con carácter inmediato, a primeira consulta para o servizo de reprodución asistida antes dos 60 días e o acceso aos tratamentos en menos de seis meses.
No que respecta a elevación da idade límite para o acceso aos tratamentos farase de xeito progresivo. Actualmente está establecida en menos de 40 anos e vaise elevar ata os 45. En marzo do 2025 o límite situarase nos 41 anos, e sucesivamente elevarase un ano nos sucesivos exercicios, para finalmente en decembro de 2028 situar o limiar nos 45 anos.
Vaise modificar tamén o requisito relativo aos fillos previos. Con carácter inmediato, as persoas que xa se someteron a un tratamento, e dispoñan de oocitos ou gametos conxelados, poderán realizar un novo tratamento aínda que xa teñan un fillo.
A partir de marzo de 2025 quen xa teña un fillo de xeito natural, pero que presenten síntomas de esterilidade, poderán tamén acceder a técnicas de reprodución asistida.
Respecto á conxelación de óvulos, nestes momentos só se pode realizar na sanidade pública no caso das mulleres que se someteron a tratamentos oncolóxicos que supoñen un risco de perda de fertilidade.
O plan vaino garantir tamén para persoas trans e para as mulleres que se sometan intervencións cirúrxicas por patoloxías non oncolóxicas que supoñan un risco de perda de fertilidade.
Máis tarde, de xeito progresivo tamén se permitirá a conxelación de óvulos a mulleres sen patoloxías. Mulleres de entre 30 e 35 anos que pensan en atrasar a maternidade despois dos 38 anos poderán conservar eses óvulos na sanidade pública. Será a partir de 2026 para as mulleres de 35 anos, en 2027 para as de entre 32 e 34 anos, e en 2028 para as de entre 30 e 32.