A Xunta aproba o proxecto de lei para convocar este ano 10.300 prazas de OPE
A Xunta aproba o proxecto de lei para convocar este ano 10.300 prazas de OPE
O obxectivo é axilizar e facilitar os procesos pendentes, que deberán estar resoltos en 2023
O obxectivo é axilizar os procesos ligados á oferta pública de emprego que a Xunta aprobou en maio. Son 10.300 prazas para estabilización, das que máis de 8.000 se adxudicarán polo sistema de concurso de méritos e outras 1.600 por concurso oposición.
Este proxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público permitirá convocalas este ano para que se resolvan en 2023.
"Apróbanse co obxectivo de axilizar procesos de estabilización. É un texto negociado cos sindicatos nas últimas semanas, e agora remitirase ao Parlamento para poder convocar todos os procesos de estabilización antes de finais de ano", asegura o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde.
A oferta de prazas céntrase principalmente na Administración, a sanidade e o ensino. Son varios procesos que intentan simplificarse con esta lei.
"Para axilizar estes procesos, haberá posibilidade de nomear unha ou varias comisións de valoración nos procesos de concurso, ou a opción de aprobar bases comúns", engade.
Esta medida enmárcase na lei do Goberno central que quere reducir a taxa de temporalidade no sector público por debaixo do oito por cento.