1.750 prazas, así é a próxima oferta de emprego público galega en educación
1.750 prazas, así é a próxima oferta de emprego público galega en educación
O 86 % dos postos serán de novo ingreso e os exames comezarán a finais do mes de xuño
Na súa reunión semanal do Consello da Xunta o Goberno galego aprobou varias convocatorias de emprego público. A máis destacada é en Educación, con 1.750 prazas, das que o 86 % serán de novo ingreso.
Antes de que remate o mes de xuño celebraranse os exames para conseguir unha praza no ensino público. Das de novo ingreso, 520 serán de mestres, 875 de profesores de secundaria, 33 para escolas oficiais de idiomas e 84 para profesores especialistas da FP.
Segundo dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supón a "maior oferta de prazas para profesorado dos últimos cinco anos" e permitirá "consolidar Galicia como a comunidade autónoma coa interinidade de docentes máis baixa de España".
O presidente da Xunta tamén anunciou unha OPE de 540 prazas para a Administración xeral e 19 prazas de funcionarios sanitarios para reforzar a inspección.
Rueda adiantou ademais que este venres se publicará a listaxe das 72 persoas que conseguiron por concurso de méritos unha praza de médico en centros de saúde de difícil cobertura. É a segunda vez que o Sergas fai unha convocatoria así e, desta volta, vanse incorporar tres médicos que remataron o MIR este ano.