Educación asina o acordo que rebaixa 'ratios' con UXT, CCOO e ANPE; a CIG desmárcase
Educación asina o acordo que rebaixa 'ratios' con UXT, CCOO e ANPE; a CIG desmárcase
Os sindicatos asinantes do pacto cren que "recolle boa parte das reivindicacións"
A CIG cre que o acordo "non reverte os recortes dos últimos 14 anos" e convocou unha folga xeral no sector o 24 de outubro
A Xunta de Galicia e os sindicatos UXT-SP, CCOO e ANPE asinaron este mércores en Santiago de Compostela o acordo que introducirá melloras no sistema educativo galego e do que se desmarcou definitivamente a central CIG, maioritaria no sector.
O documento foi asinado no complexo da Cidade da Cultura polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os representantes das organizacións sindicais que subscriben o acordo.
Descenso de ratios e do horario lectivo dos profesores
O groso do pacto pasa por unha diminución paulatina do que se coñece como ratios, é dicir, do número de alumnos que pode haber en cada aula.
Vaise facer de maneira paulatina. Comezará o próximo curso 2024/25 por Cuarto curso de Infantil (3 anos), onde o máximo de nenos por cada clase pasará dos 25 actuais a 20 ata que no curso 2032/33 chegue Sexto de Educación Primaria.
O documento contempla tamén a baixada das ratios en ESO e Bacharelato a 25 e 30 alumnos, respectivamente, pero o seu calendario de aplicación queda posposto ata que finalice a implantación en Infantil, é dicir, en torno ao ano 2027.
Así mesmo, naqueles niveis aos que aínda non se establezan eses límites, a Xunta comprométese a non aumentar a cifra de nenos nas clases. É dicir, se no próximo curso nunha clase de Terceiro de Primaria hai 23 alumnos, nos sucesivos anos non se poderá aumentar o número ata os 25 que se permite actualmente.
A efectos de contabilizar os nenos que pode haber en cada clase, aqueles que teñan unha discapacidade de máis do 33 %, unha dependencia de grao I ou un trastorno de conduta grave contarán como dous alumnos. Se a discapacidade é igual ou superior ao 65 % ou a dependencia é de grao II ou III, o neno contará como tres.
En canto ao horario lectivo, o acordo contempla a súa diminución en Infantil e Primaria de 25 a 23 clases semanais para o profesorado. A posibilidade de que esta medida chegue a ESO e Bacharelato, que actualmente contan con 21 horas, estará vinculado á negociación que a Xunta emprenda para establecer a xornada de 35 horas semanais para todos os empregados públicos autonómicos.
O documento asinado este mércores tamén recolle aumentos retributivos. En primeiro lugar, elevaranse os sexenios por formación permanente un 5 % durante tres anos, até totalizar un 15 % desde o 1 de xaneiro de 2026. Pasados seis anos, esixirase que os profesionais conten co nivel B1 de competencias dixitais.
Tamén subirá o complemento polo desempeño de funcións de goberno, como o de dirección, e de inspección educativa, de ata 60 euros desde 2026. Da mesma maneira, farase de forma graduada: o ascenso será de 20 euros durante tres anos.
En canto ás funcións de titores, incrementaranse un 20 %: un 10 % en 2025 e outro 10 % en 2026.
Outro dos compromisos da Xunta que asinou cos sindicatos CCOO, ANPE e UXT é a elaboración dun plan de simplificación de tarefas burocráticas do profesorado.
Satisfacción por parte dos asinantes do acordo
Alfonso Rueda cualificou como "histórico" o acordo cos tres sindicatos e dixo que debe sentar as bases "do ensino da próxima década".
Como balance do acordo alcanzado, os tres sindicatos asinantes consideran que é positivo, entre outras razóns, porque "recolle boa parte das reivindicacións" desas organizacións durante os últimos anos, "negociadas, con talante e altura de miras" na reunión a semana pasada da denominada mesa sectorial, a agrupa aos axentes representativos.
Destacan, ademais, que se trata dun acordo que non requiriu ningunha xornada de mobilización por parte do profesorado, "o que confirma que a estratexia rupturista e só mobilizadora que propugnan outras organizacións sindicais non consegue resultados e resulta estéril se non se acompaña de vontade e capacidade de negociación".
Por último, UXT, CCOO e ANPE apuntan que o acordo "nos enfronta ao descenso demográfico reducindo o alumnado por aula e mantendo os postos de traballo no canto de eliminar unidades e destruír emprego docente".
A CIG chama á mobilización
Este pacto pola educación en Galicia foi moi criticado pola CIG, sindicato maioritario entre o profesorado galego, que non só se negou a asinalo, senón que xa convocou unha folga xeral en educación para o próximo día 24 de outubro, ao entender que "non responde ás necesidades reais do profesorado".
Segundo o sindicato nacionalista galego, o pactado este mércores "non reverte os recortes dos últimos 14 anos", xa que non inclúe un descenso na carga lectiva en todas as etapas educativas nin tampouco unha rebaixa da proporción de alumnos por clase cun calendario "adecuado".
A postura de CIG foi censurada polo resto de formacións sindicais (UXT-SP, CCOO e ANPE) que subscribiron o acordo coa Consellería de Educación e que, nun comunicado conxunto, lamentaron "a actitude" da central nacionalista na negociación.
CIG "negouse", segundo criticaron os demais sindicatos, a "facer unha soa achega ata a terceira sesión, en temas tan importantes como a redución de cocientes e do horario lectivo, recoñecemento da responsabilidade asumida polos equipos directivos, racionalización da burocracia" e outros asuntos.