Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta bonificará o 50 % do transporte público ata fin de ano

A Xunta bonificará o 50 % do transporte público ata fin de ano

Os descontos aplicaranse ao transporte de viaxeiros por estrada, ao transporte marítimo da ría de Vigo e ao tren de proximidade da área de Ferrol

Para acceder á bonificación haberá que empregar a tarxeta de transporte metropolitano da Xunta ou adquirir un abono multiviaxe

G24.gal 31/08/2022 12:05 Última actualización 31/08/2022 14:53

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que o Goberno autonómico bonificará “ata o 50 por cento” do prezo do transporte público de viaxeiros para evitar unha diminución de usuarios nos autobuses e outros medios, dado que mañá, 1 de setembro, se activa o abono gratuíto para proximidades e media distancia de Renfe.

Os descontos que se aplicarán ao transporte de viaxeiros por estrada, tamén ao transporte marítimo da ría de Vigo e ao tren de proximidade da área de Ferrol, estarán activos ata o 31 de decembro e serán circunscritos a quen use a tarxeta de transporte metropolitano da Xunta ou adquiran abonos multiviaxes.

Así, polo momento a Xunta non planificou un aumento na oferta de prazas nestes transportes ou unha maior frecuencia nos horarios pero aseguran que se adaptarán á demanda que vaia xurdindo por mor da activación destes descontos.

A modo de exemplo, o presidente da Xunta expuxo que un billete de bus de Santiago á Coruña custa 6,55 euros en efectivo. Coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia ten unha bonificación do 10 % actualmente (5,90 euros) e a partir do 1 de setembro pasará a custar 2,95 euros. 

As bonificacións anunciadas por Rueda serán con cargo a fondos propios da Xunta “con independencia” das axudas que o Goberno central poida activar, debido a que a pesar de que anunciou bonificacións para o resto de transportes, unicamente coñécense os descontos relativos ao ferroviario.

“A día de hoxe, no que se refire a viaxeiros por estrada quedou só nun anuncio”, reprochou o presidente galego.

Polo tanto, a Xunta dá este paso porque “nos preocupaba moitísimo”, dixo Rueda, o efecto que as medidas anunciadas para bonificar o transporte ferroviario de viaxeiros tería fundamentalmente sobre o transporte por estrada que, segundo lembrou, xa sufriu unha diminución na súa demanda durante a pandemia do coronavirus.

Os viaxeiros frecuentes recibiron con agrado esta nova medida. Tamén o celebran dende as empresas do sector, que temían unha fuga de pasaxeiros coa activación dos bonos gratuítos de tren. Unha "competencia desleal" para o presidente da federación Transgacar. 

Carlos García Cumplido afirmou que o sistema de transporte público de Galicia "descansa substancialmente" no transporte de viaxeiros en autobús, e por iso entende vital garantir "como sexa" a súa viabilidade. "Máis aínda -di-  nun momento en que a demanda viña afectada pola pandemia, e agora vaise producir un transvasamento importante desa demanda ao ferrocarril".

Este xoves comezan a aplicarse os descontos de Renfe

Dende este xoves xa poden viaxar en tren de balde os pasaxeiros que adquirisen os abonos con descontos de Renfe. Con estes billetes, os usuarios poderán desprazarse de maneira ilimitada ata o 31 de decembro entre dúas estacións concretas. 

En Galicia xa son máis de 7.500 os usuarios que solicitaron o seu abono para poder viaxar de balde nos trens de media distancia ou cun desconto do 50 % en caso de ter que desprazarse nun tren Avant.

Neste caso dos Avant Ourense-Santiago, a bonificación podería ser polo total se finalmente se concreta o anuncio que esta mañá realizou en Vigo a ministra voceira do Goberno, Isabel Rodríguez.

Para o seu uso, os pasaxeiros só terán que formalizar o abono antes de cada viaxe. Estes abonos pódense solicitar mentres dure a medida aprobada polo Goberno, é dicir ata o 31 de decembro, pero Renfe recomenda facelo antes do 5 de setembro, co fin de axilizar os trámites e evitar aglomeracións co previsible aumento de pasaxeiros estes días.

Tamén se recomenda que este rexistro previo se faga a través das aplicacións móbiles ou na páxina web de Renfe. Unha vez rexistrados os usuarios obterán os seus abonos na propia aplicación de Renfe, nas máquinas de autovenda ou nos despachos de billetes das estacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade