A Xunta promove en Santiago vivendas de aloxamento compartido para xente nova
A Xunta promove en Santiago vivendas de aloxamento compartido para xente nova
A edificación situaranse na rúa Xoán XXIII e as vivendas terán unha superficie útil de 30m2
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, anunciaron este martes o proxecto para construír 70 vivendas de aloxamento compartido temporal destinadas a menores de 36 anos nunha parcela situada na rúa Xoán XXIII da capital galega.
Nunha presentación ante os medios na Biblioteca Pública Ánxel Casal, a responsable de Vivenda detallou que se tratarán de alugueiros "alcanzables" e os aloxamentos contarán cunha superficie útil de 30 metros cadrados con salón-cociña, cuarto e baño, ademais de espazos comúns como bibliotecas, zonas de lecer, lavandería e prazas de aparcamento.
"Dar un aloxamento temporal para un primeiro traballo, para os investigadores ou para os que estean realizando o MIR", xustifica María Martínez Allegue.
En concreto, o que anunciaron este martes situarase na rúa Xoán XXIII, onde o Instituto Galego de Vivenda e Solo dispón dun chan que se destinará a esta construción de "aloxamentos con espazos compartidos de maneira temporal para menores de 36 anos", unha modificación da lei de vivenda de Galicia que se incluíu na lei de acompañamento dos orzamentos para 2025.
Así, Martínez Allegue explicou que o Goberno galego prevé licitar a redacción do proxecto a principios de 2025 para despois executar a obra e que se conclúa para "finais do 2026-2027".
Cuestionada por unha promoción de vivendas públicas en alugueiro para a mocidade que a Xunta promovera nesta mesma parcela no Goberno de Manuel Fraga e no bipartito que foi descartada polo Executivo galego hai 10 anos, a conselleira afirmou que había un proxecto "de pisos" e non nesta modalidade "de aloxamento compartido" e, naquel momento, asegurou que "se refugou pola situación na que se estaba".
Así, insistiu en que agora que hai "esa necesidade de emancipación" son "70 aloxamentos compartidos" e naquel momento "eran 40 vivendas". "Agora a aposta que fai a Xunta con ese incremento orzamentario, con ese triplicar os orzamentos para a construción de vivenda pública, permítenos alcanzar estas vivendas", resolveu.
Sobre as condicións para acceder a estes apartamentos, Martínez Allegue sinalou que se establecerán unhas bases nas que se verá a renda máxima e mínima e as condicións.
En todo caso, insistiu en que se fará unha convocatoria pública e en que se debe ter en conta que se trata de "aloxamentos temporais de como máximo 3 anos".
"Ven dar resposta a esa necesidade de autonomía que ten a xente moza que busca espazos máis versátiles", explica José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.
En canto ao orzamento estimado, indicou que polo momento non o teñen definido porque van redactar "a licitación", pero, en todo caso, calcula que se situará arredor dos seis millóns de euros.