A Xunta tramitará 100 millóns de euros en axudas vinculadas ao mecanismo de transición xusta
A Xunta tramitará 100 millóns de euros en axudas vinculadas ao mecanismo de transición xusta
Nun encontro nas Pontes a conselleira de Economía e Industria afirmou que xa hai varios proxectos en marcha que poderían xerar mil postos de traballo
A intención é acompasar o desmantelamento da central coa creación de novas empresas
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou este sábado que ata principios de 2025 a Xunta tramitará máis de 100 millóns de euros en axudas vinculadas ao mecanismo de transición xusta.
Lorenzana reuniuse co alcalde das Pontes, Valentín García, o presidente da Asociación de Empresarios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, José Castro, e a presidenta Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses, Montserrat Gastelu, dentro das tarefas de seguimento que o Executivo galego fai para a reactivación económica e do emprego nos municipios dentro da área de delimitación das zonas de transición xusta.
Durante o encontro, a conselleira explicou que aos longo do ano sacarán convocatorias con instrumentos financeiros "moi interesantes" para o apoio do desenvolvemento industrial e tamén "todo tipo de axudas" vinculadas a enerxías renovables, hidróxeno verde e biogás.
Neste sentido, o que buscan é "compasar o peche e desmantelamento" da central coa creación de novas empresas e de emprego.
Así, remarcou a importancia de visibilizar os proxectos en marcha e informar sobre as liñas de axuda de apoio dispoñibles, e referiuse en concreto á liña de axudas por valor de sete millóns de euros que a Xunta ten aberta con cargo a fondo de transición xusta.
Ademais considerou "imprescindible" que as tres administracións --Xunta, Goberno e concellos-- traballen de forma coordinada para impulsar a reindustralización das zonas de transición xusta como son As Pontes e Meirama.
"É a única forma de continuar creado desenvolvemento industrial e emprego nesta comarca", explicou.