A Xunta cre que o plan de reforzo educativo do Goberno chega tarde e achaca a caída no informe PISA á Lomloe
A Xunta cre que o plan de reforzo educativo do Goberno chega tarde e achaca a caída no informe PISA á Lomloe
A Xunta cre que o plan de reforzo educativo do Goberno chega tarde e achaca a caída no informe PISA á Lomloe
Avanza que o PP vai crear un grupo de traballo para detallar a proba unificada da EBAU, que afectaría as materias comúns nas distintas comunidades
Román Rodríguez destaca o esforzo da Xunta por estabilizar o persoal docente galego, o que repercute, afirma, na calidade do ensino
O titular de Educación do Goberno Galego, Román Rodríguez, dixo que ve nesecario o plan de reforzo de matemáticas e de lectura anunciado polo Goberno de Pedro Sánchez, pero engade que en Galicia xa se veñen implementando desde hai anos liñas de traballo que inciden nas competencias e aprendizaxe dos alumnos.
Román Rodríguez achacou a caída nos resultados do último informe PISA aos efectos da Lomloe, unha lei que, a xuízo do titular de Educación da Xunta, reduce o esforzo e a carga de contidos. Por contra, a Xunta defende un modelo que equilibre as competencias e a adquisición de coñecementos. Cre que co plan de reforzo o Goberno trata de rectificar sobre as súas propias políticas, pero chega tarde.
"Esta formulación do PSOE é unha rectificación á súa política educativa, fundamentada case en exclusiva no modelo competencial, cando nós dicimos que hai que ter un equilibrio entre o coñecemento e a competencia", expresou o conselleiro.
Neste sentido traslada que Galicia está por riba da media española e da media da OCDE en tódalas variables.
"Temos moito que mellorar, pero Galicia está mellor que o resto e España. No conxunto internacional do informe PISA, Galicia tería o posto 12 e España o 28", manifestou.
ABAU unificada
Román Rodríguez explicou algo máis da proposta de proba común de ABAU para aplicar nas comunidades gobernadas polo PP, que Alberto Núñez Feijoo avanzaba nas últimas horas.
O conselleiro de Educación detallou que se vai crear un grupo de traballo para deseñar esa proba homoxénea naqueles aspectos do currículo que sexan comúns nas distintas comunidades. O que se trata, destacou, é de reducir as desigualdades entre os alumnos á hora de acceder ao sistema universitario.
"Imos traballar, no ámbito da legalidade, para deseñar un exame uniforme, para que un alumno de Soria teña as mesmas oportunidades que un de Ourense", apuntou.
Román Rodríguez considera que a proposta adoptada polo PP vai polo bo camiño e di non entender o rexeitamento por parte do Goberno, porque, incide, "é unha proba vital para os alumnos e todos deberiamos estar de acordo en ter as mesmas regras de xogo".
OPE de Educación en Galicia
En relación á próxima oferta pública de emprego para Educación anunciada onte pola Xunta, traslada o Conselleiro que Galicia leva anos sendo unha das comunidades con menos persoal interino de todo o Estado. Algo que Román Rodríguez destaca en positivo, xa que posibilita darlle estabilidade ao profesorado, aos claustros e aos proxectos educativos. O que redunda, puntualiza, en mellores resultados.
"En Galicia hai unha aposta forte por estabilizar ao profesorado. Na última década aproximadamente un terzo dos docentes entraron de novo no sistema. A renovación dos cadros docentes repercute na educación da comunidade", destacou.
Limitación dos móbiles nos centros de ensino
Por último, Román Rodríguez valorou outra das medidas abordadas no último Consello Escolar do Estado: a prohibición dos móbiles no ámbito escolar, medida xa implantada en varias comunidades de España, entre elas Galicia.
Román Rodríguez puxo en valor o traballo das comunidades en que se puxo en marcha a medida, e por contra, criticou a postura cambiante do Ministerio, porque hai un mes, cando Galicia suxeriu prohibir o móbil nos recreos, o Goberno non estaba de acordo, e agora, afirmou di o contrario.
A Xunta defende esta medida que, traslada Román, responde a unha demanda dos centros educativos ante unha baixada da socialización dos rapaces nos tempos de ocio. Manifesta o conselleiro que desde que se vén aplicando, o estudantado está a retomar os tempos de xogo e sociabilidade nos recreos.