A Xunta destinará 33 millóns para o plan de prevención de incendios
A Xunta destinará 33 millóns para o plan de prevención de incendios
Tramitaranse máis de 260 acordos con entidades locais para labores preventivos
O plan actuará en máis de 58.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas
O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves a posta en marcha do Plan de prevención de incendios.
Este ano contará cun orzamento de 33 millóns de euros, actuará en máis de 58.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas. Ademais construirá máis de 110 novos puntos de auga e mellorará os 4.750 existentes.
Entre os obxectivos do plan están limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais, xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas, así como desenvolver un plan de queimas prescritas neses lugares e concienciar a poboación sobre o risco dos lumes.
Accións dirixidas á cidadanía
O plan estará estruturado en dous grandes bloques. O primeiro contará con accións dirixidas á cidadanía, como a sensibilización da poboación escolar a través de charlas, formación para a poboación rural sobre normativa vixente e colaboración na prevención; campañas de difusión nos medios e o desenvolvemento do Centro integral para a loita contra o lume de Toén.
Accións no territorio
Entre estas accións destacan a vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nas faixas primarias -estradas e vías férreas-, secundarias -as máis próximas ás vivendas- e terciarias -camiños e pistas-; e os convenios coas entidades locais, como o subscrito coa Fegamp e Seaga, ao que xa están adheridos o 87% dos concellos (273).
Ademais, a Xunta ten previsto tramitar máis de 260 acordos con entidades locais para labores preventivos.