A Xunta e Repsol acordan instalar 245 puntos de recollida de aceite de cociña usado en Galicia
A Xunta e Repsol acordan instalar 245 puntos de recollida de aceite de cociña usado en Galicia
Os usuarios van recibir 30 céntimos por cada litro que entreguen
O uso dun 1 % de combustibles renovables supón unha redución de emisións equivalente á incorporación de 500.000 vehículos eléctricos
A vicepresidenta da Xunta marca como obxectivo conseguir a neutralidade climática en 2040
Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis se reduciron as emisións de CO2. A Xunta marca como obxectivo lograr a neutralidade climática en 2040, e para iso apela á colaboración do sistema industrial.
Hoxe mesmo a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, asinou un convenio con Repsol para camiñar cara á economía circular. Grazas a el vanse instalar en estacións de servizo máis de 200 puntos de recollida de aceite de cociña usado. Os usuarios van recibir 30 céntimos por cada litro que entreguen.
Cada litro de aceite de cociña usado serve para fabricar 0,9 litros de combustibles renovables.
O uso dun 1 % de combustibles renovables supón unha redución de emisións de CO2 equivalente á incorporación de 500.000 vehículos eléctricos ao parque automobilístico. A vantaxe dos combustibles renovables é que permiten usar as infraestruturas existentes e serven para os motores de combustión actuais, polo que se consideran indispensables para o reto da transición ecolóxica.
"Non só estamos habilitando a produción de combustibles renovables. Ademais estamos evitando que ser verta este aceite coa contaminación que xera iso no territorio. Estamos permitindo uns combustibles que facilitan a mobilidade de coches e avións con cero emisións netas", declarou Juan Abascal, director xeral de Transformación e Economía Circular de Repsol.
A necesidade da reconversión da industria galega cara a un modelo sen pegada de carbono é un dos retos ao que hoxe apelou a vicepresidenta segunda da Xunta.
"De cara a dar cumprimento a eses obxectivos que nos marcamos na estratexia e tamén na lei: esa neutralidade climática no ano 2050, que no caso da Xunta é un obxectivo que adiantamos a 2040. E isto non é posible sen colaboración da industria e dos cidadáns", dixo Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente.
Colaboración da industria e dos cidadáns, para a que se van habilitar paulatinamente ata 245 puntos de recollida de aceite usado nas estacións galegas.