A Xunta esixe aos socialistas que aclaren a súa posición sobre a lei do litoral
A Xunta esixe aos socialistas que aclaren a súa posición sobre a lei do litoral
Diego Calvo ve "sorprendente" que, dunha banda, Formoso anuncian que apoiarán a tramitación da norma e, doutra, o delegado do Goberno defenda o recurso do Estado
Besteiro negou que existan incoherencias porque “o PSdeG defende a seguridade xurídica” e así se verá durante a tramitación parlamentaria
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, negou este mércores que existan incoherencias entre a mensaxe do PSOE galego e o Executivo central respecto á Lei autonómica de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia porque o “PSdeG está na senda da seguridade xurídica”.
En declaracións aos medios tras un acto en Santiago, Besteiro pronunciouse así despois de desautorizar na véspera a postura do líder do PSOE galego, Valentín González Formoso, que a semana pasada anunciou que apoiaría a tramitación da proposta de Lei do litoral presentada pola Xunta a pesar de que o Goberno aposta por unha reforma do Estatuto de Autonomía para que Galicia se faga con estas competencias.
Agora Besteiro negou que existan incoherencias porque “o PSdeG defende a seguridade xurídica” e así se verá durante a tramitación parlamentaria. Por tanto, ao seu xuízo, “non hai nada que abordar” con González Formoso.
Así as cousas, o delegado do Goberno en Galicia subliñou que o que “parece incoherente” é o posicionamento da Xunta, que ao seu xuízo co impulso desta norma quere crear problemas onde non os hai xa que, ata a data, todas as solicitudes ou peticións para manter concesións “se resolveron favorablemente”.
A Xunta pide claridade aos socialistas e que resolvan os seus problemas de liderado
Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, asegurou que "sería sorprendente que un Goberno socialista en Madrid recurrise unha lei que o partido socialista en Galicia votará a favor no Parlamento". Por iso, Calvo pediulles aos socialistas que clarifiquen a súa posición "se está con Galicia ou se está co Goberno central".
Calvo chamou os socialistas a "revolver os seus problemas internos de liderado" e non prexudicar Galicia, xa que, segundo lembrou, o Consello Consultivo de Galicia informou favorablemente sobre a lei e o único que conseguiría o recurso, segundo prognosticou o conselleiro, sería atrasar a súa publicación.
Sobre a posición dos PSdeG sobre lei do litoral tamén falou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda: "Dicía o delegado que temos que cambiar o Estatuto, que é o que están a facer as comunidades e non é así. Tiveron que cambialo aquelas cuxo estatuto non prevía que teñan esas competencias, pero o noso si o prevé. Dío o Consello Consultivo e outros ditames xurídicos. Todo sería máis sinxelo", aseverou.
O presidente da Xunta lamentou os "poucos avances" e a "falta de concreción" do encontro que mantiveron na pasada xornada el e o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, á vez que reivindicou que hai aval legal para impulsar unha norma autonómica de ordenación do litoral.
Rueda defendeu que el levaba "unha orde do día clara" ao encontro, no que Besteiro, dixo, parece que "tomou nota de moitas cousas", pero "non foi capaz de concretar ningún prazo". Por iso, incidiu en que non houbo "case ningún avance" e admitiu que "quizais esperaba algo máis de concreción".