A Xunta estuda coa pesca e a industria alegacións ao decreto que regula a eólica mariña
A Xunta estuda coa pesca e a industria alegacións ao decreto que regula a eólica mariña
A Administración galega cre que a lei debe quedar ben definida para evitar a xudicialización no futuro
A Xunta traballa nas alegacións que presentará ao real decreto publicado polo Goberno central para regular a enerxía eólica mariña. E quere facelo da man dos sectores do mar e da industria. Este venres analizaron o documento que está a información pública na mesa do Observatorio da Eólica Mariña, que pretende regular os futuros parques no mar e o réxime económico deses permisos.
A Xunta apoia o desenvolvemento da enerxía eólica mariña, garantindo a compatibilidade do proxecto cos recursos pesqueiros e o medio ambiente.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, en funcións afonda na repercusión dos beneficios sociais e económicos das concesións. "Probablemente alegaremos este punto. Como digo aínda estamos construíndo as alegacións. No Real Decreto redúcese a valoración a non máis dun 30 % os criterios que non sexan económicos. Cremos que non se insiste o suficiente na ponderación dos beneficios sociais que se deben derivar do aproveitamento dos recursos naturais", dixo Lorenzana.
E na liña das alegacións presentadas á Lei do Litoral, o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, pide ter máis peso nas decisións relacionadas co mar. "Que sexan necesarios os informes preceptivos da consellería do Mar da Xunta de Galicia á hora de defender o uso pesqueiro e marítimo que Galicia declara como esencias para o futuro da comunidade. É un aspecto a reforzar nas alegacións", mantivo Villares.
As alegacións poderán presentarse ata o 25 de marzo. A Xunta incide na importancia de definir ben a lei e evitar unha xudicialización permanente no futuro.