O botulismo aviario apúntase como causa da morte de aves no encoro de Vilagudín
O botulismo aviario apúntase como causa da morte de aves no encoro de Vilagudín
A Xunta impuxo a veda á pesca tras a repetición de casos
Arredor de 20 gaivotas aparecen mortas cada día nas últimas dúas semanas
Nos últimos días falouse moito do aumento de casos de gripe aviaria. Pero esa non é a única ameaza que afecta ás aves en Galicia. Os expertos relacionan co botulismo a aparición de ducias de gaivotas mortas na presa de Vilagudín. Unha doenza que se orixina ao inxerir alimentos en mal estado.
A Xunta decidiu vedar a pesca deportiva nese encoro tras o novo episodio de mortaldade de gaivotas similar ao do ano pasado por estas datas. Unhas 20 aparecen mortas cada día nas dúas últimas semanas, afectadas polo botulismo aviario, que as paraliza ata matalas.
A toxina causante da enfermidade chégalles a través de alimentos contaminados e residuos que moi probablemente atopan en gran cantidade en vertedoiros próximos, como o de Sogama.
Neste encoro na contorna dos concellos de Cerceda, Tordoia e Ordes apareceron o ano pasado nestas datas máis de 300 exemplares de gaivota mortos. Agora semella que estamos ante unha situación semellante de casos de botulismo aviario recorrente.
Tamén na zona do Barbanza, na Coruña ou Cecebre houbo algún caso nos últimos días. A doenza transmítese a través de alimentos contaminados pola toxina que se poden atopar sobre todo nos vertedoiros e despois entre os animais que comparten a lagoa ou o encoro.
Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia lembran que o número de gaivotas patiamarelas descende ano tras ano en Galicia por este e outros motivos e non comparten a teoría de que sexa unha autorregulación natural da especie ante un excesivo número de animais.